Opinión

A miña Valencia literaria

Nunca fun moi dado ó xénero epistolar e non adoito gardar cartas das recibidas, tampouco excesivas copias das enviadas, pero si algunhas; daquelas e destas conservo, xa vellas e deterioradas, as que gardaba o meu pai no bargueño no que almacenaba as súas máis íntimas ledicias ó tempo que tamén as máis amargas. Entre elas están as que eu lle escribín, entre os dez e os dezaseis anos, dende o internado coido que pola única razón de que contiñan parágrafos en galego. Imaxíneno: escritas na nosa fala, por un rapaz dos anos que median entre o 55 e máis o 65 do século pasado. Pero non pretendía falar de cartas de amor (estas xa o eran, pero de amor á lingua de nós) porque non foron moitas as que eu enviei e poucas as que eu recibín. Cada un ten as súas carencias.

En calquera caso, nunca me imaxinei, endexamais me vin a min mesmo escribindo cartas de amor, día tras día, durante demasiado tempo. Tampouco non fun nunca quen de chamar por teléfono tódolos días, nin sequera á miña nai, acaso porque facelo dende o colexio, acórdense, tiña “tres horas de demora con Pontevedra” o que non animaba moito a facelo e, a verdade, os días eran monótonos e iguais. Logo, no mar, xa me dirán que ánimos se derivarían da náutica actividade, pra llo contar a ninguén.

Ven a conto todo isto, da miña teima de lector ávido dos artigos xornalísticos que escriben os meus amigos e aínda os dos que non o son, pero máis os daqueles, amigos ou non, que os escriben acotío e, por se non fora abondo, tratan ese tema considerado de absoluta actualidade, cal é o da política que a todos nos vai levando, diríase case que arrastrándonos.

Dende neno aprendéronme na miña casa que hai que comer de todo e que, por tanto, sempre que sexa posible hai que manter unha dieta variada. Por iso leo os da xente que, por exemplo, leva meses meténdose co presidente do goberno e os da xente que levan outros tantos facendo o mesmo co líder da oposición. Dáme no corpo que non me falta moito pra acadar o que nos recitaba o recordado profesor Sádaba no Instituto do Posío: “Valencia química é a capacidade de saturación dos átomos con respecto ó hidroxeno”. Non sei se a miña se tratará dunha doenza susceptible de ser denominada como “valencia literaria” e o feito de estar a piques de chegar a unha saturación que me leve a rebentar Breogán saberá por onde.

Como é posible que, uns e outros, día tras día, mes tras mes, ano tras ano, sexan quen de chamarlles de todo a uns e a outros políticos, propinándolles non opinións, senón insultos? Non se trata de dar nomes, total pra que, senón de sinalar a indixestión de tanta falacia, de capacidade tanta pró deterioro e ridiculización daqueles que non pensen, sintan ou crean coma un mesmo o fai e a repercusión que sen dúbida no conxunto da sociedade lectora ou da de oíntes das emisoras de radio e de televisión. Que traballiño ten que dar o feito de intentar repetir o mesmo día tras día con que si Sánchez ou si Núñez Feijóo, si Yolanda ou si Abascal, que traballiño e, o que é peor, que efectos perniciosos acabarán por producir no seo da cidadanía a forza de excitar os sentimentos e non a capacidade de reflexión serena e responsable da que cada vez nos estamos vendo máis necesitados. E aí deixamos a cousa.

Te puede interesar