Opinión

O amante de Mahler

Hai moitos anos, un político do que diríamos punteiro deulle a alguén a súa palabra de honor de que el non se preguntara que facía “un intelectual de esquerdas de maleteiro de Fraga”. Entón, o tal e supostamente intelectual (tan só un escritor recén e xenerosamente galardoado) rogoulle que desmentise a pregunta que fora portada a varias columnas no gran periódico de entón, sen que el, o político punteiro, a desmentira. “Non lle podo facer iso ó meu partido”, respondeulle o tal e punteiro gobernante. 

Os anos pasan e hoxe, o daquela exquisito gobernante amante da música de Mahler, estalle a prestar ó seu partido toda canta deslealdade que ninguén fose nunca quen de supolo capaz, a el, ó egrexio personaxe da alta política española; menos aínda o tal e suposto intelectual que é, ó parecer, tan só un escritoriño politicamente equivocado. Madía leva.

Os vellos dirixentes do partido do político punteiro ó que nos vimos referindo foron democráticamente desprazados das súas posicións partidarias polos que hoxe acompañan á este amante de Mahler e, ó parecer, moi, pero que moi decepcionado a causa de quenes o sucederon (democráticamente) a todos eles na gobernación do seu común partido. 

Resulta curioso constatar, recordando as actitudes dos daquela desprazados, que estas non tiveron nada que ver coas que o melómano admirador do checo e os seus compañeiros veñen mantendo dende hai semanas. A pregunta pertinente que se me ven á cabeza é unha tan sinxela e brevemente expresada, como a de que siglas terá votado nas últimas eleccións celebradas este vello político hoxe tan desencantado. 

Non se recordan, nos desprazados en Suresnes, afirmacións e posturas tan tallantes coma as deste prodixio de lealdade e firmeza política partidaria feitas a propósito daqueles que, democrática e lexítimamente, os desprazaran das súas responsabilidades políticas sendo como é posible que algunhas razóns non lles faltaran.

Estes días anda por aí, nas librerías, un novo libro escrito “a conto do político” no que se fala destas cousas. Noutro e anterior e hoxe dificilmente encontrable (o que foi gañador do Premio Nadal do 1991) hai un momento no que, alguén dirixíndose a alguén a propósito de quen se afirma “fiel e puro” ó seu partido respóndelle que si, pero que “puros os d’A Habana e fieles os defuntos”.

Nuns momentos nos que o comportamento dos máis dos líderes máis significados da política partidaria empezoñan, un pouco máis cada día, a vida colectiva é de grave responsabilidade. E si a maiores o fai sendo como foi, xunto con Abril Martorell, o responsable da profesionalización do oficio político converténdoo nunha casta, é dunha ironía tal que, polo que ten de perversión, sería como pra se botar a chorar mentres que os máis ultras dunha e doutra banda se fregan as mans cheos dunha satisfacción que non fai presaxiar nada bo.

Te puede interesar