Opinión

Patria, aspirinas e bisturí

Dicía o finado do meu pai -van alá máis de cincuenta anos, bótalle fío ó cataventos- que mal asunto era o da doenza que non se resolvía cunha aspirina ou cun bisturí. Eu ben sei que a medicina de hoxe pouco ou apenas nada ten que ver coa daquel entón; coa daquela eu hoxe xa non estaría aquí, dándolles a vostedes a tabarra. Seino ben. Como tamén sei que tampouco non ten moito que ver a realidade política actual, malia que en tantos aspectos nola recorde, coa daqueles días e aínda cos posteriores a eles, os de comezos desta democracia tan asimilable a unha partitocracia que non resulta difícil confundilas. 

Agora vivimos tempos do politicamente correcto nos que non é doado fuxir do discurso ambiente, dese discurso co que se lle enche a boca a tanta xente de xeito que a conciencia (e de paso certa seguridade persoal) lles quede tranquila, sen afectación, e aquí non pasou nada. Pero algo debeu cambiar porque a linguaxe, por fin, tamén pode que estea comezando a ser xa outra.

Hai unha semana, quen está chamada a ser a próxima xefa do Estado dixo, se ben o recordo e máis ou menos textualmente, que “dende hoxe me debo a todos os españois, ós que servirei con respecto e lealdade”. En ningún momento se lle encheu a boca coa palabra España, con esa palabra que leva servido pra denominar o que cada quen quixera agachar tras dela. Non dixo que se entregaría a España pra que cada quen interpretase a quen haberá dirixir os seus servizos, dixo “ós españois” e, un pouco máis alá, referiuse tamén non recordo se ós cidadáns ou si á cidadanía. 

A non poucos pareceralles unha parvadiña isto que estou a sinalar. As lindes do noso mundo son as sinaladas pola nosa linguaxe e mentres que no termo españois collemos todos, o cando menos así debería suceder, existen os que uns consideran bos españois e outros malos, malos españois. xa temos visto que no termo España poden coller tal cantidade de cousas que, ben pensado, produce arrepíos. Cantas falcatruadas se levan cometido ó amparo da palabra, cantas baixo a camuflaxe da palabra patria!

A entrega sen condicións de quen nos ha representar a todos nós implica algo que non fará falla resaltar máis do que xa queda feito nas liñas anteriores. Agora só falla que, nas próximas intervencións que lle depare a súa condición de herdeira da Xefatura do Estado, a título de raíña, recobre aqueles días nos que o seu avó tiña a deferencia, por mínima que esta fose ou nos resultase, de se dirixir, alí onde fose indicado, facéndoo nas linguas que nos enriquecen ó sustentar nelas unhas realidades culturais que son patrimonio da humanidade e, polo tanto, de todos nós, de toda a cidadanía española. Sermos galegos, por exemplo, constitúe o noso xeito de ser españois e mal asunto cando esta realidade se ignore ou resulte preterida rebaixando así a nosa condicións de cidadáns de pleno dereito e responsabilidade.

Mal asunto o da doenza patriótica que non se cure cunhas racións de sentidiño e respecto, ambas tan escasas en tempos que arrepía recordalo, máis aínda se un pensa nas posibles recaídas. E aí lle andamos.

Te puede interesar