Opinión

Esas reaccións carpetovetónicas

Seica o arcanxo san Miguel ten coma principal ocupación a defensa das lindesm, é dicir das fronteiras que protexen o territorio da fe. É posible que non o estea a explicar ben, o meu anxo da garda ás veces non me ten moito da súa man e non só non me indica onde aparcar, se no parquin da Alameda ou no que está perto do parque de San Lázaro; en todo caso, por non saber non sei nin como se chama. Moito envexo eu ó ministro de Rajoy a quen o seu, o seu anxo da garda de nome Marcelo, lle doaba o aparcamento cada vez que o necesitaba.

San Miguel arcanxo ten santuarios nas fronteiras, eu visitei o que se adentra no atlántico francés e máis outro que hai perto de Turín, na linde de Francia con Italia, por iso sei que adoita brandir espada xusticieira e poñer o seu pe enriba dun demo que xace xusto a esa altura. Na nosa Fisterra, na igrexiña que hai pouco antes de chegar ó faro, hai outro San Miguel máis, agasallo dalguén a quen eu coñezo e por iso sei que lle ten unha fe tan sobrada que nolo trouxo dende Italia…o que é moi de agradecer. 

Hai outra imaxe de san Miguel, obra de Luisa Roldán Villavicencio (1692/1706) que, no ano 1692 foi elevada á condición de escultora de cámara de El Rei Carlos II e de seguido Felipe V mantívolle tal condición. Esta imaxe de san Miguel, do arcanxo san Miguel, é enorme, grande, chea de vistosos colores, e non sei se a espada coa que acachouza ó demo é flamíxera ou non. Non me fixei moito na espada. Fixeime máis ben, unha vez que tiven diante a fermosa e colosal escultura, na cariña do arcanxo, unha cariña que máis que pertencente a un home ofrecese feminina e doce, tranquila e serena, sen maior problema. Daquela cando foi esculpida, tamén máis adiante, discutíase moito se os anxos eran dun sexo ou doutro, cantos caberían na cabeza dun alfiler e mesmo se terían alas ou non as terían. 

Luisa Roldan, coñecida como La Roldana, o tivo claro, o seu san Miguel brande unha espada que non é flamíxera (agora que o recordo millor) e somete ó demo, espido, con cornos, sen alas, malia ser tamén un anxo, caído pero un anxo. Teno, pisándolle as costelas, prendido cunha cadea que o arcanxo ase coa súa man esquerda, pois pese ó seu aspecto feminino, o arcanxo era (é) moi de armas tomar como o tamén o son tantas e tantas mulleres que todos coñecemos. Toda a obra d’A Roldana, mesmo esta, é consecuencia das recomendacións feitas no Concilio de Trento encamiñadas a humanizar á divindade. 

Agora leo a que se liou co cartel da Semana Santa de Sevilla na que un Xesús Resucitado e luminoso ofrece unha fasquía que non todos consideran apropiada, menos mal que ó autor do carteliño non lle deu por fotografar un mestizo ou directamente un negro. Hailles xentes que non as pensan e reaccionan moito máis carpetovetonicamente que o coitado de El Rei Carlos II ou mesmo que o seu sucesor Felipe V. Pero élles así como andamos… a estas alturas, Señor, a estas alturas!

Te puede interesar