Opinión

Seres submisos afeitos a aceptalo todo

Hai unha semana falouse eiquí da existencia de Deus. Non sei se foi feito con moito sentido. Recordábase que Nietzsche anunciara a súa morte, a morte de Deus, e, de paso, os problemas que a tal afirmación suscitaba en nós, os rapaces de entón: se Deus o sabía todo de nós, en calquera momento e lugar, a nosa liberdade non era tan nosa e tan liberdade. Deus sabía onde estabamos e con quen, que comiamos e canto, que sabiamos e pensabamos… etc. etc. etc. de xeito que os curas nos sacaban a colación o libre albedrío e que aí nolas desen todas.

Logo facíase un chumbaragato intelectual -deses ós que eu sonlles tan dado- e deducíase que ese resumo en dúas letras, a IA, sabe de nós todo canto facemos e dicimos, todo canto gañamos e gastamos, con quen nos deitamos e con que resultados…e por aí seguido, de xeito e maneira que a nosa liberdade individual e tamén a colectiva están xa tan afectadas que mesmo acabarán por seren inexistentes.

Que pasará co feito de que, na actualidade, os rapaces de trinta anos nin se imaxinen e polo tanto non boten en falla as liberdades que desfrutamos no derradeiro cuarto de século pasado? Cando saiban que daquela nos empeñabamos en preparativos que nos haberían traer a civilización do ocio? U-la tal civilización, U-la tal ocio? Por poñer un exemplo algo pedrestre, a xornada laboral era de oito horas que, de se prolongar, supuña o cobro dunhas horas extras ben pagadas. Agora a xeneralidade da xente moza supera con moito esas oito horas cotiás que adoitan non estar ben retribuídas, ou non estalo en absoluto, de xeito que compense o esforzo e, de paso, o seu non moi lucido salario.

Que dicir da censura social, desta onda de puritanismo hipócrita, que anega a convivencia someténdoa a códigos derivados desa concepción do politicamente correcto que acabará, de non ser corrixida a tempo, por limitar a nosa capacidade de comunicación reducíndoa tanto na fala como na escrita? Todo elo sumado ó control remoto de por onde andamos e con quen, que libros lemos e porque os lemos. O control remoto dos nosos actos e desprazamentos, a aceptación dunha realidade que nos obriga a substituír o traballo, sexa dos traballadores da administración privada ou sexan os da pública, de xeito que nos implique horas dun traballo non remunerado, todo elo, está a nos converter en seres submisos afeitos a aceptalo todo porque xa non nos queda outro remedio. Que tempos aqueles do hoxe rei emérito ó que tantas e tantas cousas lle debemos e tamén algunhas que lle reprochar. 

O Reino de España foi paradigma de liberdades e, daquela, acolledor das distintas realidades e concepcións dunha España que si, que entón era unha, diversa e plural, respondendo ós diversos xeitos de entender a pertenza a ese ente superior que conforma unha unidade á que agora lle falta a liberdade que hoxe se lle empeza a negar en aras da pretensión de volver ser “unha, grande e libre” na que comeza asomar as orellas o lobo unitario que só acepta unha realidade da que eles afirman ser os únicos e respectables valedores. Ese élles outro conto do que tratar outro día porque, efectivamente, o novo deus da IA existe e polo que se vai vendo traballa a favor deles.

Te puede interesar