Opinión

Sicixias, percebes e ostras

E será certo iso das conxuncións astrais? Haber hainas, como as meigas. Convén non descrer delas. Por estes días andamos noutra conxunción, durante ela a Terra, o Sol e maila Lúa encádranse nunha formación tan ben formada, tan ben como pra facelo coa precisión astronómica sempre felizmente cumprida e esperada. Ouh, que sería de nós se non fora así e este pequeno lixo de pó no que habitamos, navegando sen rumbo polo espazo sideral, non se vise obrigado a esa precisión!

Eses tres astros conxuntados andan nestes días -millor dito, andaron nestes días pasados- na chamada liña equinoccial das sicixias. Durante unha delas, ano tras ano, é cando se producen as mareas máis intensas do ano; en tal ocasión o mar avala con forza, facéndoo cun ímpeto apreciable e faino coa mesma forza coa que devala noutras; algo que moito lle agradecemos porque os percebes máis saborosos quedan ó acado da arriscada xente que os apaña someténdose a uns perigos que nunca han ser abondo valorados; ocasión esta feliz porque é durante ela cando os percebes que en Corme chaman “lequios”, son posibles. Non fará falla que llo explique.

Hai anos apareceu por Compostela Yann Martel, escritor anglófilo, fillo do escritor francófono Emile Martel. Seu pai, que era e espero que siga a ser amigo meu, enviaralle un paquete á miña casa pra que llelo entregase logo da súa chegada. Debeu suceder iso haberá uns vinte anos. Viñera facendo o Camiño de Santiago, logo de ter gañado o Booker Prize, pola súa magnífica novela “A vida de Pi” e procurei agasallalo como se fose o seu pai quen chegara á miña casa. Convideino a comer no restaurante onde eu adoitaba facerlles as autopsias ás nécoras, algo que non sucedeu nesa oportunidade. Andabamos daquela en plena conxunción astral e pedín percebes. 

Martel probou un deles e exclamou: “É como comerse unha onda de mar”. Pareceume unha opinión correcta, e certa, malia que eu sexa fan das ostras máis que dos percebes, así que o animei a seguir aplicándose no empeño que tan ben acababa de describir, pero respondeume que non, que non lle gustaban nada. A miña filla máis pequena, que nos acompañaba na ocasión, quedou feliz. Pra min teño que, dende aquela, non volveu catar tantos e tan bos percebes que os que eu recordo agora con nostalxia certa, malia que siga a ser máis amigo das ostras. Cando fun mariño e atracabamos en Cádiz mercabamos uns cantos baldes delas de xeito que chegabamos a Nova York almorzándoas cun champan rosado que lles viña moi a xeito. Xa ven no que acaban as boas intencións. 

Dígoo o das conxuncións astrais porque fun pasar unha semana en Barcelona e, sen esperalo en absoluto, fun recobrando amizades descompostas había tempo, nin unha, nin dúas, senón algunha máis. Xa de volta, comentando na casa que só faltaba que chamara por teléfono un vello e querido amigo que desaparecera había anos e vai e, mira ti por onde, chamou ó día seguinte de xeito inesperado e como se non pasase nada. Vai resultar que Leire Pajín, aquela ministra no Goberno de Zapatero, tiña razón cando mentou a conxunción astral, que lle agardaba ó presidente. Mágoa non saber o resultado dela. Sospeito que non coincidise coas sicixias.

Te puede interesar