Opinión

As festas bobas

Acaba o mes de agosto e vexo na rede un vídeo que me fai reflexionar arredor das festas, sobre cara onde estas devalan e con qué soporte intelectual.

A nada que lle dedique dalgúns minutos do seu tempo diario ó facebook ou a calquera outra rede social, é de supoñer que a estas alturas xa teña pasado por diante dos seus ollos e non lle sexa novidade a imaxe que reproduce cómo unha gran bola sintética de -seica- máis de 300 quilos impacta contra un mozo, nun remedo de encerro taurino nunha pequena vila madrileña, e empótrao contra as táboas de separación da pista, deixándoo inerte na rúa, perante os seus veciños que, loxicamente, berran e blasfeman alarmados, temerosos de que acabase de acontecer o peor.

Cando o ser humano primitivo aínda non sabía escribir e malamente era quen de facerse preguntas transcendentes sobre el mesmo e o entorno no que lle tocaba vivir, comezou a sorprenderse por cousas aparentemente simples, pero ás que non lle atopaba unha explicación, como era o día e a noite, ou os movementos da lúa e mailo sol. Velaí de qué xeito se decatou de que este último, é dicir, o sol, tiña uns máximos e uns mínimos a partir dos cales os días -e as noites- se facían máis ou menos habitables, e comezou a celebralos, chegando a erguerlles monumentos megalíticos tales coma os menhires ou os cromlechs.

Logo empezou a interpretar as estrelas e inventar historias arredor delas, creando unha riquísima mitoloxía que aínda hoxe nos asombra, como tamén nos admiran os ciclos ligados a natureza e ás tradicións.

Despois -permítame este salto no tempo para que caiba na columna a conclusión-, no lugar que nos ocupa a nós, chegou un tipo chamado Martín de Dume e cunha relectura cristianizadora provocou a transformación de ritos e celebracións pagás en festas relixiosas que foron evolucionando ó longo da historia e propagando romarías por aquí e por acolá, arredor de virxes, santos e sucedidos milagrosos sen explicación.

E nas dúas últimas décadas, a devoción relixiosa, en moitos casos seguida a cegas por unha poboación iletrada, foi substituída por outros referentes alleos á oración, dando nacemento ás festas de recreación histórica, sen abandonar, evidentemente, a vertente gastronómica que sempre vagou á par de tódalas celebracións.

Pero, velaí que para entenderen tanto unhas coma outras había que facer un esforzo intelectual de documentación, razón pola cal o "homo sapien" do século XXI propagou coma fentos o que poderiamos denominar "as festas bobas" -poñamos por caso a da pelota- que veñen a seren aquelas que non atenden máis que a cuestións primarias que pasan por exhalar adrenalina arredor da nada e con tal motivo inxerir alcohol.

Entón é cando eu me pregunto: E para isto foi preciso tanta evolución!

Te puede interesar