Cámaras web

Cando a Televisión de Galicia decidiu instalar unha cámara web na Praza Maior da miña vila, o primeiro episodio que me sinalou a dimensión de cotidianidade e de protagonismo nas nosas vidas que no futuro podían coller, amosoumo unha anécdota de trístes características, pero de efectos balsámicos para quen foi protagonista dela.

A poucos meses da súa instalación o seu funcionamento era iniciaticamente errático porque as imaxes corrían aínda dende Celanova ata Santiago a través das vellas liñas "Rdsi" e a calidade das imaxes antollábase moi mellorable. Pero, dado que a súa instalación neste caso non fora elixida dende un punto de visión panorámico, coma noutros lados, senón dende unha perspectiva máis cercana para o observador, todas as eivas que a mesma tiña eran suplidas co efecto de novidade, cousa que fixo se que convertese nunha das cámaras web máis visitadas de Galicia dende os catro puntos cardinais polos que se encontra espallada a poboación celanovesa.

Naquel tempo un día falei cun meu amigo residente en Caracas e entre outras novidades sociais da vila comenteille que dende aquel momento xa podía contemplar en vivo e en directo o ambiente que se vivía na Praza Maior, ó que el me contestou que xa estaba ó tanto. E tanto estaba ó tanto que me fixo sabedor de que o día do enterro da súa nai (que acontecera unhas semanas antes da nosa conversa) puido ver entrar e saír o cadaleito da igrexa parroquial, denantes e despois da cerimonia funeral.

O tempo ten pasado dende aquela e hoxe -para ledicia da policía e desgracia dos delincuentes- é practicamente imposible que un ande por calquera lugar do mundo sen que nunha beirarrúa, nunha esquina, nunha praza ou na entrada ou saída dun local calquera non sexa gravado por unha cámara desas, de forma que non hai día das nosas vidas no que a nosa imaxe corporal non quede rexistrada nalgún ordenador.

Como tampouco hai día no que a televisión non reproduza un accidente, un atraco, unha malleira ou un atentado incluso, a través  deses ollos tan desapercibidos como implacables á hora de denunciar calquera feito punible que aconteza ó seu arredor.

De aí que nantronte, ó ver as imaxes a través das cámaras, do mozo que entrou no supermercado das Lagoas dando tiros cunha escopeta de caza e arrombando co seu cano ducias de botellas ó chan, a idea nos voase sen querer a sucesos de moita máis enxundia que deus queira que non acontezan nunca aquí.

Só así se entenden as declaracións recollidas de parte dos testemuños polos medios de comunicación. Só así se entende iso e que o terrorismo está conseguindo o que certamente pretende, que non é máis ca socializar o temor alá onde chegue minimamente a Rede ou un programa de televisión.