Opinión

Cando o Ribeiro era 'vino turbio'

Leo que o día 29, o Consello de Denominación de Orixe Ribeiro vaino homenaxear co premio "Vida entre vides" nun acto que terá lugar en San Clodio, ben pretiño da súa casa de Berán.

Se xiro a memoria cara atrás e sen que esta me traizoe paro -poño por caso- no Ourense de xaneiro de 1975, estouno vendo chegar pola rúa Dr. Fleming nun 600 co seu fillo da miña idade, para deixalo ó meu carón e ó carón doutros nenos de 15 anos que agardabamos na administración do Alsa -daquela aínda nin estaba debuxada a estación de autobuses- co fin de iniciarmos unha viaxe interminable e co tempo inolvidable, cara a Universidade Laboral de Gijón.

Aquel foi o día que o coñecín. Pequecho e traxeado, serio nas formas pero ben amable, por certo, nas maneiras, logo tiven tempo de departir con el noutros encontros e despedidas vacacionais ó longo dos seis anos seguintes nos que, ben no mal acompasado troquelear daqueles "camellos" do Alsa pola estrada de Lugo, Meira, Vegadeo, Luarca..., ben no rítmico traquetear do tren, por Monforte, León e a Ruta da Prata, viaxamos de Ourense a Gijón e viceversa. E, xa fóra da "Laboral", tamén tiven vagar de visitalo, nun tempo con certa frecuencia estival, no seu poboado casal de Berán, cando ía visitar ó meu compañeiro de estudos e ó resto da familia.

O meu avó, o Ramón do Cristal, tiña un amplo bacelo nas inmediacións do virxinal santuario e outras viñas na Serra, que era o único lugar onde o viño -mellor dito, a purrela- era consumible máis alá do entroido. E o meu bisavó Antonio do Casal, tamén tiña bacelo -ben máis pequeno, por certo- a carón do diestro do cura de Amoroce, que daban un viño escuro co que a miña aboa Jesusa nos facía as sopas de viño.

Esa e a de andar entre as videiras mentres os maiores cortaban os cangallos pola setembría, era toda a miña experiencia enolóxica, sendo como son dunha terra sobre a que xa dicía o informante do Conde de Monterrei no ano 1777, que “aquí el vino es de inferior calidad, por lo cual se bebe sin tasa”.

Por iso que, cando xa coa xuventude iniciada o escoitei falar de viño con tal delicadeza e tanto sentido da responsabilidade pola procura da excelencia, para aquel bebedor de sopas de viño as súas palabras soaban a discursos filosóficos. Diría máis, a poesía.

Por certo, non o dixen aínda. Chámase Avelino Lorenzo e se quere saber qué significa para o viño do Ribeiro, non ten máis ca ir ó cadro de honor da Feira do viño e contar os galardóns recibidos cando o Ribeiro era, por aí fora, algo así como "vino turbio".

Noraboa, pois, benquerido Avelino. Xa sei que a veces os recoñecementos tardan e que a miúdo chegan cando xa un non os precisa, pois no tocante á admiración e ós afectos ben sabes que os que te queren xa hai décadas que te teñen no máis alto do podio.

Te puede interesar