Opinión

Catro ases da baralla

Trouxéronme, pasos sobre os que escribirei outro día, ata o corazón de Roma. Inicialmente, da Roma imperial, cesarista e pretoriana, por onde tiven o pracer de pasear ó longo de todo o día. E posteriormente, da Roma vaticana, onde un meu conveciño da aldea de Xamirás, antigo corazón de Acebedo do Río -hoxe parroquia de San Jorge de Acebedo- Manuel Míguez González -máis coñecido como Faustino Míguez- será elevado a santo polo Papa Francisco.

Como teño o mal san costume de varrer sempre para a miña "casa" -que por fortuna é Celanova-, entre topeneo e topeneo pola estrada do firmamento que nos coincidiu dende Porto ata Ciampino, viñen cavilando nas históricas relacións que a miña vella vila ten con esta fermosa e eterna cidade e decateime de que malia ás inmensas diferencias de dimensión histórica, social, cultural, etc., que nos afastan, aínda temos algunhas que paga a pena traer, con tal motivo, a esta cotiá fiestra.

A primeira delas hai que procurala no saco sen fondo do tempo, concretamente no ano 132 da nosa Era -é dicir, hai preto de 1.900 anos!- cando un mando militar romano e os nosos devanceiros -os Coelerni- asinaron un pacto de hospitalidade (coñecida como a Tábula de Castromao) que aínda hoxe se mantén vixente, tal e como calquera pode comprobar en formato fiel de bronce, no medio e medio da Praza das Pitas.

A segunda debe facer referencia a mil anos despois, concretamente no 1196, cando o Papa Celestino III decidiu canonizar ó fundador das nosas terras, Rosendo Guterres, e cuxa bula papal de canonización se conserva coma un tesouro na Hispanic Society de New York.

A terceira -case setecentos anos despois- ten que ver co "desafío" literario co que o insigne Manuel Curros Enríquez retou ó Papa León XIII, cando nunha crítica composición poética titulada "O divino Sainete", o Curros máis mordaz e incisivo lle pasou polos "morros" os estragos que daquela facían na sociedade os sete pecados capitais. Un por cada vagón do tren -racataprán- no que "se achegou" ata Roma.

Velaí que este será, en números redondos, o cuarto as da baralla que nos irmanda directamente con Roma. Cousa da que non poden presumir -dígoo con absoluta fachenda- moitas outras localidades, xa non penso só do conxunto da xeografía galega, senón mesmo, de norte a sur, da xeografía española.

Hai uns anos tiven a oportunidade de lle falar disto ó presidente de Telecinco, Paolo Vasile -romano de pro-, cando visitou a miña vila. E cando lle dixen que íamos facer un percorrido por Celanova en clave romana, deume a impresión de que viu en min a un fala-barato de animación de feira. Mais a realidade está aí, por máis que arestora vostede tamén estea pensando, “xa está este con Celanova ás voltas”.

Te puede interesar