Opinión

Cine, cine, cine, cine...

Escribía nantronte unha columna na que reflexionaba sobre a contradición que supuña que Ourense estea estes días a piques de perder o seu festival de cine co feito inconmensurable de que a cineasta máis internacional do cine español apostara por varios escenarios da  nosa provincia e durante as mesmas xornadas ande de aquí para alá, convertendo en realidade un soño que nos tempos da imaxe na que nos movemos constitúe unha verdadeira lotería e un impagable escaparate internacional que, como ben di o coñecido anuncio das tarxetas, non ten prezo.

Hoxe e os primeiros días da semana próxima, esa afortunada lotería, por obra e gracia de Isabel Coixet,  tocoulle á miña vila, do mesmo xeito que hai uns anos lle tocou a Allariz e tamén a Ourense, naquelas ocasións por mor da implicación de José Luís Cuerda e de Manolo Rivas, no primeiro dos casos.

É certo que a "aterraxe" dunha rodaxe cinematográfica acaba transformado aqueles lugares que entran no plano da cámara, nunha foto fixa que paraliza durante uns días a súa vida cotiá e que de súpeto aquel mobiliario urbano, aquel cartel publicitario, incluso aquel alumeado que a veciñanza consideraba antigo porque sempre estivo aí, hai que retiralos da escena por máis que a súa duración no plano non pase de tan só uns segundos, e que iso todo xera un importante traballo que nun principio case resulta impensable ter que facer.

Pero non é menos certo que logo eses escenarios quedan fixados para sempre, mellorados esteticamente e  magnificamente encardinados no contexto dunha determinada historia que acaba por lles tocar as emocións a millóns de persoas ó se sentaren diante da pantalla cinematográfica ou do plasma da televisión e, a través deses medios de masas, logran viaxar polo mundo ata lugares en moitos casos inaccesibles, pero sobre todo macrourbanos, sendo, polo tanto, capaces de sacalos do anonimato e transformalos en puntos de referencia ós que poden viaxar xentes que doutro modo xamais contactarían con eles.

É o chamado turismo cinematográfico, dentro do marco xenérico do turismo cultural, tan en alza nos últimos tempos e tan necesario para a provincia de Ourense, pois resulta imprescindible para complementalo co turismo termal e de natureza e facer que esas tres patas sexan, sen dúbida, os alicerces sobre os que se ha de asentar -mal que lle pese a moitos- o futuro económico desta terra ignota e despoboada.

"Cine, cine, cine, cine, más cine por favor!...", dicía con cadencia rítmica, Aute. E "cine, cine, cine, cine, máis cine, por favor! ...", escribo eu agora, porque se os exipcios foron quen de construír as pirámides no deserto, os chinos a gran muralla, Francia a torre Eiffel e os meus antepasados o mosteiro de San Rosendo, non me dá entrado a min nos miolos como non hai xeito de evitar que o Festival de Cine de Ourense morra de "morte morrida" por unha simple indixesta de lexislación.

Te puede interesar