Opinión

Conversa encol do catalán

Parafraseo no titular que acaba de ler, o título dun poema de Celso Emilio Ferreiro, publicado nas súas afiadas e por veces "Cantigas de escárneo e maldicir", nas que o poeta salda contas sen filtro ningún con algúns dos seus fantasmas do pasado.

“Conversa encol dun boi”, titúlase o poema e veume á idea, non porque eu queira saldar contas con ninguén, xa que logo no caso que me ocupa nin sequera coñecía ós protagonistas, pero si polo absurdo da conversa que -porque non tiven máis remedio- escoitei, debido á proximidade das mesas nas que estabamos sentados.

Paso, de contado, ó relato.

Aconteceu onte pola tardiña -nantronte, para vostede- na azotea das termas de Outariz, a onde acudín a dar un paseo cun familiar que non é de por aquí e que, como tantos outros -probablemente tamén familiares seus-, andan esta tempada a converternos en guías turísticos personalizados e a sacarnos da cotidianidade do inverno.

Chegamos alí e logo de lle ofrecer unhas explicacións elementais sobre as singularidades das fontes termais ourensás ó meu parente, sentamos nunha mesa a carón dunha parella -mozo e moza- que loxicamente estaban a falaren das súas cousas. Andaban, máis ou menos, pola metade da segunda década e quen falaba -con entusiasmo xuvenil- era o mozo, perante unha moza expectante e atenta, contándolle en plano de superficie detalles formais da convivencia mantida, supoño que no ámbito universitario ou dalgún campamento de verán nalgún lugar de Cataluña, onde se deran cita mozos e mozas de diversos lugares do mundo.

Entre as literalidades que lle escoitei, oínlle exaltar con certos ribetes de admiración que alí só se falaba "inglés e catalán", mentres a moza acenaba con incredulidade parella ó saber que nin sequera os que eran doutras autonomías falaban entre eles -agás raras excepcións- castelán, utilizando no seu defecto a lingua do "brexit".

Foi precisamente esa intención enfatizadora que expelían as verbas do rapaz, as que reclamaron a miña atención. E non tanto, polo feito en sí de que no fondo da conversa se atopase dalgún xeito o fastío da "cuestión catalá", senón porque toda aquela sorte de admiración que o mozo expresaba a través da altisonante modulación das súas palabras, contradicíase frontalmente coa nula coherencia que a situación mantiña coa súa propia praxe formal.

E digo isto porque aínda non lles desvelei cal era o idioma de comunicación que estaba sendo utilizado entre ámbolos dous. A que non o adiviña?

Si. Claro. Evidentemente!: A lingua na que ámbolos dous falaban -dun xeito paleto, debería dicir, fronte á admiración amosada para ó catalán- era, cal se non, o castelán.

Te puede interesar