Opinión

Insisto...

Decido este titular porque non é a primeira vez que abordo tal cuestión neste mesmo espazo e malicio que -malia que quixera estar errado- non será a derradeira.


Ven a conto, a miña "insistencia", ó fío da visita que realizou onte o presidente da Xunta de Galicia ó Centro Arqueolóxico da Cultura Castrexa de San Cibrán de Las, que está chamado a ser -reproduzo palabras pronunciadas polo propio presidente- "un revulsivo para investigadores e turistas, que situará a Galicia como referente peninsular da cultura castrexa" e que por fin abrirá as súas portas ó público o próximo sábado.


E ven a conto porque o que, segundo e miña profana -pero penso humildemente que atinada- teoría se vai facer o próximo sábado coa apertura de portas do Centro non debería ser máis ca unha primeira fase do gran proxecto arqueolóxico da cultura castrexa e da romanización que algún día deberá acometer ambiciosamente esta provincia se é que queremos que Ourense sexa certamente un referente, non só peninsular senón incluso europeo, da divulgación dinámica, didáctica e global desa parte fundamental da nosa historia durante a cal foron postos os alicerces culturais para sermos -para ben e parra mal- o que somos hoxe, é dicir, un pobo con lingua, tradicións e cultura de seu.


E o gran proxecto de divulgación arqueolóxica -para min non hai dúbida- está na posibilidade de potenciar -ou, mellor dito, comercializar- conxuntamente a rede ourensá da cultura castrexa e da romanización, traballando no -repito- ambicioso deseño dunha proposta que integre o propio Centro de San Cibrán, o poboado castrexo de Castromao e loxicamente o castro, ademais do campamento militar de Aquis Querquennis, xunto coa Vía Nova que en Lobios conta coa máis grande concentración de miliarios que se coñece e, un pouco máis alá, coa Vía XVIII transformada en "geira" e posta en valor como só saben facelo os portugueses, sen esquecer o valor engadido da citania de Santomé, en Ourense, e do conxunto de Augas Santas en Allariz.


Loxicamente, sei das preocupacións que aniñan no seo da administración para "meter" turistas nestes "recipientes" , pois a experiencia de Campo Lameiro non está sendo a mellor.


Por iso creo que, no canto de caer na desazón, o que se debería facer é apostar pola ambición, xa que logo, que eu saiba non hai ningunha outra provincia que teña tal concentración de recursos arqueolóxicos tan complementarios e postos en valor coma estes cinco ou seis que traio a colación.


E en turismo o tamaño é importante porque amplía exponencialmente o radio de acción.

Te puede interesar