Opinión

Irmaus de leite

O relato que vai ler é un pouco difícil de crer, pero aconteceu perante os meus ollos, mellor dito, perante os meus ollos e dos ollos dos propios protagonistas, malia que os tres os frotaramos imaxinariamente para decatármonos de que o que estaba acontecendo era real e non un conto fantástico dos moitos cos que nos recreou o fabulante Álvaro Cunqueiro.

Verá. Hai anos que profeso amizade cun excelente pintor, galego de nacenza e madrileño de adopción con casa petrucial nunha aldea do concello pontevedrés de Crecente e con vellas ramificacións vitais artísticas e emocionais coa capital da nosa provincia.

Por outra banda, dende o ano pasado manteño unha relación de concomitancia cultural que ten ido derivando cara un lóxico afecto recíproco, cun fotógrafo nacido nas terras miñoto-pontevedresas de Frieira e residente, dende hai moitos anos tamén, na vila e corte madrileña.

Hoxe pola mañá -onte, para vostede- recibín inesperadamente a visita do primeiro. O traslado a Celanova duns libros da súa biblioteca persoal para fornecer a nacente biblioteca dunha academia da que el -coma min- forma parte, foi o motivo dos eu achegamento á miña vila.

Cando estabamos comezando a falar sobre como ían evoluíndo algúns proxectos nos que participamos xuntos e outros que -ogallá!- están por vir, un compañeiro anuncioume a visita -tamén inesperada- do segundo, que viña para falarmos dunha exposición fotográfica que pronto estará pendurada das paredes da Casa dos Poetas.

Fose porque un eu sabía que un tiña casa na Cañiza e o outro en Crecente e ámbolos dous residan en Madrid ou porque a vida é por veces condenada e fermosamente caprichosa, o caso é que se me deu por presentalos. E así foi. Fixen unha introducción resumida de ámbolos dous e de contado todo devalou polos vieiros da realidade máxica.

- Teño casa en Crecente, pero, realmente eu nacín en Frieira. Meu pai era garda civil e vivín alí moi pouco tempo, pois logo de eu nacer destinárono para Baiona.

- Como! Pero se eu tamén nacín en Frieira e meu pai tamén foi garda civil. De que anos estamos falando?

Debo dicir que por idade, ámbolos dous andan moi preto e nun momento dado a min déuseme por achegar o dato de que o segundo foi militar de carreira.

O xesto do primeiro de súpeto trocou nun rictus transcendentemente serio e preguntou:

- Entón ti es fillo da Fermina?

- Claro!

- Deus! Se a túa nai seica me amamantou porque a miña non podía! Se somos irmáns de leite!...

Escuso relatar todo canto veu de seguido, falando de xentes comúns, de fotos atesouradas na memoria das familias e detalles da infancia que aboiaron coma unha fonte a caneiro cheo e que se perderan no túnel do tempo cando primeiro abandonou o cuartel de Frieira... Ata que, sesenta e pico anos despois, a maxia da vida quixo que se atoparan diante dos meus ollos en Celanova.

Te puede interesar