Opinión

Nanotecnoloxía

Se vostede quere facer unha composición de lugar sobre o tema que me vai ocupar, propóñolle unha operación mental (que non é complicada -pois non deixa de ser unha división sucesiva-, aínda que si é difícil de maxinar porque supera o límite do racional para o común dos mortais):

Poñamos por caso. Se colle unha cinta métrica desas amarelas que utilizan as costureiras para tallar o tecido e marca un metro obterá a unidade de medida universal, que no seu momento foi tomada de dividir dez millóns de veces a distancia que media entre o Polo Norte e o Ecuador. Para entendérmonos, se se lle dera por dar un paseo en liña recta polo arco que vai dende o polo ata o medio do deserto do Sahara, acabaría percorrendo dez millóns de metros, ou o que é o mesmo, dez mil quilómetros.

Se unha vez marcado o metro, divide este en mil pequenos espazos, entre cada raíña debuxada verá un milímetro de distancia.

Se agora gozara dunha vista de lince hipertrofiada e fora quen de dividir un deses milímetros noutros mil pequenos espazos, conseguiría unha ínfima milésima de milímetro, que no argot da tecnoloxía recibe o nome de "micra". ¡E non perda conta dos niveis de miudeza nos que andamos xa...!

Colla agora esa reducida micra e volva dividila noutros mil anaquiños. Entón acabará onde eu quixen chegar. É dicir, a un nanómetro, que ven a ser algo así coma se collera un chourizo dun metro e o cortara en mil millóns de rodiñas. ¡Coma para dárllelas de comer ó meu can!

Pois ben, contando partículas desas impensables medidas, estudando para que serven e con qué fins pode a humanidade mellorar as súas condicións de vida futura, é no que anda o fillo do meu entusiasta amigo Manuel Rivero -Pedro José Rivero Fuente-, un mozo con nanopartículas xermoladas en Vilela de Bande e na Maragatería e que acaba de ler a súa tese de doutoramento na Universidade Pública de Navarra sobre o comportamento da prata como recubrimento superficial nese nivel de nanomedidas, e de conseguir unha cualificación de "Sobresaliente cum laudem con mención Doctor Internacional".

É posible que, se no canto de ter feito isto, logo de licenciarse en Química e Bioquímica, e de ter feito un Master en Enxeñería de Materiais e outro en Ciencia e Tecnoloxía dos Polímeros, acabase de ser fichado polo Real Madrid ou fose un mero protagonista -sen máis- de "Breaking Bad", nestes intres estarían tódolos informativos destacando a súa galeguidade orixinal. Pero, como non é así, voume permitir eu o privilexio informativo de que sexa esta columna -e este xornal- os que nos fagamos eco dela, felicitándoo sinceramente e dicíndolle o orgullosos que estamos de que polas súas veas corran nanopartículas ourensás.

Te puede interesar