Opinión

Paxaros amarelos

No transcurso da fin de semana, un vello amigo canario, que xa teño traído a esta columna nalgunha que outra ocasión e que estas últimas semanas me mantivo informado ó minuto sobre o devir das desastrosas labaradas que arrasaron media illa de Gran Canaria, envioume un fermoso vídeo que logo tiven ocasión de ver pola televisión e que me fixo reflexionar arredor da nosa relación -a dos galegos- co lume e con todo canto lle colga de arredor.

O vídeo reproducía o voo pausado dun avión típico dos de extinción de incendios, é dicir, dos amarelos de toda a vida coa panza en forma de barca para cargar a auga en pleno voo e sobre as ás en suspensión os recoñecibles flotadores equilibrantes co fin de que a manobra de descenso, cargado e elevación sexa un pouco menos perigosa do que xa é de seu.

O devandito avión voaba a baixa altura entrando do mar cara a costa onde unha multitude de tódalas idades e condicións, vestidas con camisetas verdes na súa grande maioría, profería urras de saúdo e aplaudía con toda a intención para que lle chegaran ó oídos ós tripulantes da aviación, profesionais coma tantos ós que deberiamos ter nun pedestal de honor, porque eles si súan o seu salario e xogan a vida en cada operación, non coma eses mozos a miúdo mal criados que andan domingo si e domingo tamén por tras dun balón.

Pois ben, cando vin a fermosa estampa en movemento e tanto vocerío canario seseando vivas a prol daquel paxaro amarelo e da súa tripulación, pensei no grao de normalidade ó que, con eles, chegamos nós, que non lembro que se sucedera nunca un feito así en Galicia. Ou, cando menos, que tal feito multitudinario de homenaxe transcendera ós medios de comunicación.

Ten sido tantas veces, con tanta dispersión xeográfica e ó longo de tanto tempo o feito de nos sentirmos acompañados por eses paxaros amarelos voando ó noso carón, que teñen chegado a formar parte da nosa paisaxe estival ó mesmo nivel de cotidianidade que as bandas de música nas procesións.

Velaí polo que malicio eu que xamais se nos ocorrera a nós unha celebración espontánea de tanto calibre popular coma a que protagonizaron esta fin de semana nas illas Canarias os agradecidos habitantes da súa illa maior.

Se o excepcional se transforma en cotián, evidentemente deixa de ser excepcional, por máis que en cada operativo de recoñecemento do lume e de descarga  do ventre do avión sobre as lapas en ebulición, haxa dúas ou tres familias que vivan co corazón nun puño ata que os seus volven colocar o pé na terra e lles envían unha mensaxe de "ok".

Copiemos, pois, dos canarios e rendámoslle algún día unha homenaxe sincera a estes nosos anxos da garda estivais. Medallas ten a administración abondo e cariño –aínda que por principios non sexamos moi expresivos- é o que nos sobra a nós.

Te puede interesar