Opinión

De pingas e candidatos

Continúan a pingar, como orballo de outono en primavera, as reflexións e valoracións dos principais líderes políticos galegos sobre os acertos e desacertos que uns e outros cometeron para acadar os resultados que acadaron.

Pingan, en Verín, pedras de escarabana que fan estremecer a conciencia do seu alcalde en funcións, preguntándolle ós seus silencios en qué raios puido ter fallado para ter sido tan mal considerado polos seus veciños, cando ninguén foi quen de poder presumir como el presumía, cada xoves de comadres, de estar tan preto daquel que axudou a converter a súa vila en nada menos ca nunha eurocidade.

Pingan, no Carballiño, folerpas que conxelan os pensamentos daqueloutro alcalde que noutrora fora quen de tomar polos votos a fortaleza, durante décadas inexpugnable, do señor Pachi das armas, á procura dunha lóxica que lle conceda razón a por qué desta volta, cando mellor amarrada cría ter a cincha, no que dura o suspiro dun reconto se viu descabalgado.

Pingan en Ribadavia, pingas grosas que mazan os primeiros cangallos -aínda gromos- dunha nova esperanza frustrada pola diversidade ideolóxica dunha terra que ofrece caíño e treixadura, albariño, torrontés ou loureira segundo cara onde mire a leira.

Pingan, en Barbadás pingas microscópicas de néboa que non permiten albiscar nada na distancia entre unha trama desurbanizada con formas de mudante e nova barriada cada vez máis complexa de gobernar.

Pingan, na capital, as primeiras pingas dunha treboada que está a piques de estourar no partido aínda desgobernante e que, sen pretender ser ventureiro de nada, semella que anuncian enchentas que amezan con levar por diante ó valente candidato.

Pingan, en fin, en Avión, pingas de nubes de evolución que procuran formas de esquecemento prematuro do que noutrora quixo ser a escenificación simbólica da aterraxe dun comando de elite para tomar –e civilizar- a organización dunha tribo caciqueada e acabou non sendo máis ca unha impotente histrionada de media ducia de líderes "da nazón" sempre soñada e xamais alcanzada.

Pingan, digo, multitude de opinións por aquí e por acolá, que uns outros fan para dentro, atopándolle explicación a todo, pero que para fóra non explican nada.

E mentres pinga todo iso -e máis- polos catro puntos cardinais da nosa provincia, alá por Monte Pío estou seguro de que ha pingar -eu creo- unha brisa mariña mansa, desas que baten na cara e esparexen a soneira, e que lle han de estar facendo ver ó presidente o seguinte corolario: Non sempre un bo conselleiro -ou conselleira- ten por qué ser un bo candidato (e non o digo por Ourense), por máis que, se cadra, logo -de conseguir a maioría- puidese acabar por ser unha excelente alcaldesa ou un excelente alcalde.

Te puede interesar