Opinión

Que pode pasar?

Cando vostede se atope con esta columna quedarán máis ou menos 48 horas para que a grande maioría das corporacións dos municipios ourensáns -e por extensión galegos- estean a piques de se constituír e elixiren alcaldes ou alcaldesas. Agás no caso do "xingro" Luís Fernández Guitián, alcalde de Sober, que creo que xa anunciou a súa intención de repetir investidura na madrugada, a práctica totalidade decretarán, seguramente, as horas do mediodía, que é cando a mente humana está programada para a actividade principal e para cometer, polo tanto, menos erros, aínda que entre tanta e diversa "fauna" seguramente haberá quen acabe por se arrepentir. O tempo dirá...

Nunha grande porcentaxe, o proceso electoral interno será, como está previsto, un evento protocolario e de trámite, ben porque a opinión maioritaria do municipio así o decidiu o pasado día 24, ben porque as afinidades persoais teñen pesado máis estes últimos días cás diverxencias políticas ou programáticas e os acordos postelectorais están xa ben definidos e ben acordados os roles que cada quen está obrigado a cumprir nos próximos catro anos.

Pero, logo, haberá outros nos que as incógnitas e incertezas alongaranse no tempo, coma nunha película de intriga, ata que, se cadra, a solución final no momento do reconto dos votos non deixe satisfeito nin ó propio alcalde electo.

Neste caso, como supoño que vostede xa está a rumiar, é no que se atopa -se é que non hai acordos gardados no burato do braseiro da mesa camiña- o Concello de Ourense, despois de que, en plena partida de poker, todo o mundo pedira cartas xa e agora sexan as miradas cruzadas as protagonistas, denantes da poxa final.

Que pode pasar? Iso é o que todos nos vimos preguntando e nos preguntaremos ata o sábado pola mañá.

Eu, coma se un problema de combinacións matemáticas -que ó é- se tratase, vou apuntar someiramente as distintas posibilidades, para, finalmente, sacar unha conclusión final.

O que pode pasar é que cada quen vote ó seu propio candidato, polo que sería elixido alcalde Jesús Vázquez e "a xogar...!" ou, mellor dito, "a dialogar...!"

Pero tamén pode pasar o que moita xente barrunta, é dicir, que o PSOE vote ó candidato do PSOE -cousa normal- e DO vote tamén ó candidato do PSOE, co cal sería proclamado alcalde en primeira instancia, Vázquez Barquero, e "a xogar...! Pero dun xeito ben diferente, pois entón Ourense contaría cun alcalde e tan só 5 concelleiros para levar toda a xestión municipal. É dicir -e que me perdoe Barquero-, un títere nas mans dun temerario... Ou que os seus colegas voten a Barquero e que o propio Barquero se absteña..., para darlle emoción ó asunto ata o final.

En fin... Non sei se Ourense está nestes intres preparado para tanto circo. Pero, deus dirá...

Te puede interesar