Opinión

Pura distopía social

Teño un amigo que estes días anda a pé de obra polas rúas céntricas de Barcelona, vendo como a mocidade arranca con pico e pala os adoquíns igual que aquí arrancabamos as patacas, pero non co mesmo fin, por desgracia para os policías.

Loxicamente non foi alá de turista accidental, senón cubrir os sucesos por todos coñecidos. De cando en vez chámame por teléfono para esparexerse un pouco daquel "inmenso plató" no que segundo el se ten convertido a capital catalá, cos xornalistas agora embozados en traxes de auga e gafas de nadar, porque dis que a próxima arma coa que protestar vai ser a pintura.

Gracias a estas conversas vou sabendo dalgunhas cousas de acolá que non saen nos medios tradicionais, nin tampouco salfiren as axencias. Digamos, entón, que por amizade ven a ser coma o meu ocasional corresponsal.

O primeiro día, por exemplo, cando chegou ó hotel e se puxo a falar coa moza da recepción, recibiu como primeira resposta que lles tiñan prohibido falar de política. Sen embargo, cando se soltou seica lle custou barro e fariña convencela de que non podía ser certo o que ela tiña máis claro cá auga de Vichí. É dicir, que aqueles que estaban sementando o caos polas rúas principais da cidade recibían sobres con diñeiro por parte de infiltrados policías nacionais. Así, sen vaselina e sen chistar!

Nantronte mandoume un audio gravado por el mesmo o día que "ladraron" contra o Rufián, no que un mozo afirmaba querer marchar porque esa noite alí "non ía correr a adrenalina" e, polo tanto, non pagaba a pena quedar.

Hoxe fíxome chegar un aviso que o gremio de hoteis de Barcelona colgou nos seus establecementos e que, co seu permiso, paso a relatar. Nel afirman os hostaleiros que "las noticias sobre la situación política que vive Cataluña estos últimos días pueden contribuir a amplificar una imagen que no se corresponde exactamente con la realidad". Unha realidade que logo describen idílica, ó aseguar que "la vitalidad de la ciudad continúa siendo la de siempre en un inicio muy suave de otoño que invita a salir a la calle o disfrutar de playas, parques o terrazas", porque "Barcelona es una ciudad abierta y hospitalaria, muy organizada y de las más seguras del mundo."

Mágoa que a seguir aconsellen ós visitantes "que, para no ver condicionada su movilidad, eviten aquellas zonas donde se puedan llevar a cabo concentraciones", confiando finalmente en que pronto recuperarán "el clima de estabilidad institucional". En fin, pura distopía social, derivada da política e que quen sabe onde e como acabará!

Te puede interesar