Opinión

Qué sería de Vilanova...

Que a vila de Vilanova dos Infantes é un tesouro turístico por divulgar na súa auténtica dimensión, ó nivel que certamente merece a súa singularidade urbanística e a súa conservación actual, é algo que quedou demostrado, unha vez máis, o pasado mércores, despois de dezaseis edicións da romaría etnográfica Raigame.

Que sobre iso, algúns levamos exhortando, con non moito éxito de atención -é certo- perante os que teñen o poder de decisión para desenvolver o proxecto marco de dinamización económica e turística que o lugar precisa, tamén é certo.

En canto isto non acontece (pois estou seguro de que acontecerá cando os ventos deixen de soprar favorables tan só cara o norte e cara o solpor, e comecen a mover os cataventos destes territorios arraianos nos que se atopa o outeiro que a sostén, "camiño de Celanova, onde é máis tépedo o vento que a terra galega azouta" -que diría Curros-), algúns, ademais de esgorxar continuadas exhortacións públicas e privadas do tipo da que acabo de escribir, no medio, sempre, dun deserto de oídos xordos para os nosos rexistros vocais, tratamos de ir artellando "cousiñas" con moita ilusión -tamén é certo-, unha máis ou menos coherente praxe, algo de imaxinación e, sobre todo, moito tesón, porque cremos no noso. Sen fachenda -non é menos certo-, pero tamén sen ningún pudor, xa que o facemos dende a consciencia  de que o patrimonio cultural que nos avala está á altura de valor de calquera outro do mundo.

Velaí, pois, cómo, seguindo esta máxima, hai anos reparei na exposición fotográfica que no seu momento comisariou, entre outros, o historiador e bo amigo arzuán, Miguel Anxo Seixas, sobre as viaxes que nos anos vinte repetiu por estas terras a fotógrafa americana Ruth Matilda Anderson, por encargo da Hispanic Society de New York e gracias á cal nós tivemos a fortuna de que acabara pousando os seus pes cosmopolitas e a súa mirada de artista na Vilanova aínda viva de Rosa, Martiño e Xan de Bentraces.

Pois ben, da man do trasunto atemporal da admirada Ruth e das fotografías que tirou na praza Maior e mesmo dende o alto da torre do castelo dos Zúñiga (na que, tan só na xornada do día das Letras Galegas -poño por caso-, se empoleiraron ata un milleiro contado de persoas), facéndose acompañar por un zapateiro que ben podía ser o Muxicas, decidimos deseñar unha visita teatralizada por entre as canellas, xa sexan de arrabaldo ou tralacerca, de tan fermosa vila.

Hai uns días eu vin a algúns veciños ben felices, contentos e orgullosos de seu, ó rematar a primeira representación e eu tamén me sentín abondosamente satisfeito. Satisfeito e triste de vez, sabendo que outro galo cantaría se no canto de estar ó pé da raia, Vilanova dos Infantes estivese -poño por caso- no outeiro do Pico Sacro, camiño de Compostela.

Te puede interesar