Opinión

Seis porcos por un becerro

Se vostede que está lendo estas liñas, ten un relativo coñecemento meu a nivel persoal ou lle dá lectura con frecuencia a estas digresións, é moi posible que sexa coñecedor da miña relación familiar co sector do que a meu pai lle gustaba chamar "dos tablajeros" e que máis popularmente é coñecido como dos "carniceiros" ou "chacineiros" e que tan de actualidade -por desgracia, para mal- estivo este último verán en Andalucía.

Hoxe -onte, para vostede- tiven ocasión de poder visitar un pobo que debo recoñecer que descoñecía por completo (e logo pensamos que coñecemos, máis ou menos, o noso país) e que responde ó curioso nome de "Candelario", no sur da provincia de Salamanca e ó pé da serranía de Bejar onde fan límite as terras de Salamanca, Ávila e Cáceres.

O motivo que nos levou a lugar tan senlleiro, a min e a preto de medio cento de representantes de Casas Museo de Escritores de toda España e de Portugal, foi o de seguir os pasos que nalgún momento da súa traxectoria vital percorreu Miguel de Unamuno, personaxe tamén de tanta actualidade por mor da película que anda estreando polas salas de cine, Alejandro Amenábar, e que, alén da polémica que anda suscitando nalgúns luagares, a dicir de bequerida Ana Chaguaceda (a directora da Casa Museo unamuniana que se pode visitar a carón da "rá" da Universidade -xa ten “trimoles”, que diría aquel, que probablemente teña máis visitantes a ra da fachada da Universidade có legado biobibliográfico do pensador vasco-castelán! Dá para pensar...-) paga a pena vela porque, entre outras cousas humaniza a un personaxe que estaba demasiado imbuído polo seu papel na historia e que é completamente descoñecido no seu rol human.

Miguel de Unamuno pasaba longas tempadas naquel lugar e polas súas empinadas ruelas hai trazado un intinerario literario que axuda a amosar a incrible actividade económica que entre o 1 de outubro e o 2 de novembro desenvolvían as máis de cen industrias chacineiras que chegou a haber ata os inicios do século XX, cando a entrada da electricidade e o deseños das cámaras frigorificas foron pechando porta tras porta -coa súa singular bateporta- ata reducírense hoxe en día a unha soa que mantén a actividade.

Ó longo desa etapa invernal seica sacrificaban seis porcos por cada becerro, é dicir, a unha media de 20 becerros e 120 porcos diarios. Unha barbaridade para a época, que un vello camarada de conversas doutra etapa da miña vida, o industrial do ramo, Jesús Viana, sabe do que estou a falar.

Guijuelo -que seguro que xa lle soará un pouco máis- foi quen colleu o testemuño e de aí parten agora os embutidos para todo o mundo, que denantes partían dos secadeiros do terceiro andar de cada unha das desaparecidas industrias locais.

Agora é un dos "pobos bonitos de España" e loxicamente a súa economía ten asento no turismo rural. Gustei da súa visita, pero quedoume un remorso nos meus adentros por non telo coñecido antes e ter tido a oportunidade de viaxar ata alí con meu pai.

Te puede interesar