Opinión

Sentimentos

Teño o corpo, nesta húmida e lobregosa saída da fin de semana, coma se primeiro me deran un abrazo e logo unha labazada. Non é este un sentimento individual, senón unha sensación anímica compartida por milleiros de persoas que a través deste e doutros medios de comunicación seguiron os acontecementos que tiveron como protagonista póstumo ó aínda querido cura de Vilanova.

O venres pola mañá, unha conversa informal cun amigo fíxome sabedor de que a detención de dúas persoas polo asasinato de don Adolfo era -seica- inminente. E non andaba desatinado o meu informador. Pasara, simplemente, que quen lle dera a el a noticia, xa fose por descoñecemento ou por prudencia, non utilizara o tempo verbal correcto, pois cando a el llo dixeron e el mo trasladou a min, os reos levaban xa unhas cantas horas nos calabozos dos cuarteis da Garda Civil de Ourense e de Xinzo de Limia.

Unha excelente noticia, sen dúbida, que tornou nun alivio colectivo ó comezar a coñecer algúns detalles e confirmar que os presuntos autores non tiñan nada que ver co entorno social polo que os días de don Adolfo andaran a meirande parte da súa vida.

Por máis que as evidencias diarias dos últimos meses de don Adolfo nos levaran a todos a trasladar a responsabilidade dos feitos cara un entorno foráneo, esa tendencia ó pesimismo colectivo ó que nos conducen noticias desgraciadas coma a súa, provocaba un certo temor a que a fatalidade incrementase a dimensión da traxedia e deixase a algunha familia máis ou menos cercana marcada para o resto dos días.

Por iso, o domingo pola mañá eu vin alí, ó pé do vello edificio isabelino que outrora foi cadea e agora Xulgado, caras que desvelaban sosego despois de dez meses de desacougos, devezos e cobizas.

Pero, qué pouco duraron todos estes sentimentos. Xusto o tempo que lle levou á fríxida burocaracia xurídico-administrativa trasladar centos de horas de esculcas e seguimentos, de interrogatorios e interpretacións de ditos e feitos do equipo de investigación (non quero pensar na decepción que ten que provocar que dez meses de traballo se substancien nunha resolución tal e logo ter que volver empezar coma se nada acontecese), á frialdade duns papeis máis ou menos ben transcritos e insensiblemente lidos, que para iso a xustiza ha de ser cega e equilibrada.

De aí que arestora -facéndome voceiro doutros moitos- navegue entre a desazón e o descreimento, porque aínda son máis as incógnitas, se cadra, cás que todos tiñamos denantes de lles ver a cara ós que foron expostos como presuntos asasinos.

Pero tamén no agradecemento debido a un equipo investigador que acaba de ser posto en entredito e que, malia iso, hoxe continuará tecendo fíos –repito- coma se nada acontecera.

Te puede interesar