Opinión

Servizo de alertas

Se vostede é usuario do "google" -quero pensar que si- estou seguro de que coñece algunha das case infinitas aplicacións que esta plataforma ten en segundo plano e das que nalgúns casos probablemente sexa usuario inconsciente.

Unha delas, que a min é das que máis servizo me fai e que vai ligada ó programa do correo electrónico, é o denominado servizo de alertas, que supón basicamente en que se vostede liga á súa caixa de correos un determinado número de conceptos ou denominacións -poñamos por caso o seu propio nome ou o nome da súa localidade-, de forma que cando nalgures se xera algunha entrada informática, algunha información, etc., na que se explicite exactamente o concepto ou denominación que vostede inseriu, chegaralle á súa caixa de correo unha "alerta" indicándolle que en tal páxina e a tal hora foi publicada unha entrada que seguramente lle interesa.

É, como lle dixen, un servizo moi práctico porque  lle aforra a vostede moito tempo de dedicación a separar o grao da palla nese inmenso areal que se chama Rede, na que en cada minuto se xera tanta información que para lela toda precisaría non dunha vida, senón de dúas ou tres.

Lembrei hai uns días este "servizo de alertas" cando vin na portada deste xornal a fotografía da iniciativa promovida polo Arquivo Histórico no sentido de dar a coñecer a través dun programa didáctico de visitas teatralizadas a escolares, algúns dos segredos que agacha o devandito Arquivo sobre o noso pasado colectivo, que, como acontece na Rede, pasa inadvertido para a inmensa maioría da poboación polo que necesita, precisamente, dese mesmo sistema de alertas para xerar expectación de gañas de remexer no noso pasado documentado, que para algo debe ser conservado e non soamente para metelo coma os corpos mortos nun cemiterio e deixalos que durman o sono eterno sen a máis mínima consideración.

Xa hai tempo que escribín aquí do "capitán gardador", a primeira iniciativa de carácter divulgador do Arquivo Histórico, para felicitar ós seus xestores por tela levado a cabo e agora aproveito a portada do pasado venres para reiterar a miña felicitación ó devandito Arquivo por non deixarlle colonizar pola apatía perante o evidente perigo de fosilización que corren os arquivos tradicionais e teñan sido quen de espremer suficientemente os miolos para daren con solucións novidosas destinadas a espertaren o interese por algo aparentemente tan aburrido como pode ser un documento escrito nun pergameo e tan atractivo ó mesmo tempo se no pergameo se reproduce unha historia intemporal de amor e desamor.

Noraboa, pois, ó Arquivo e tamén ós xestores da visita teatralizada, que teñen, no éxito da iniciativa, moita cota de participación.

Te puede interesar