Opinión

Os sobrantes da ORA

Hai uns días -preto dunha semana, penso- que lin un titular de portada deste mesmo xornal que agora vostede porta nas mans ou virtualmente, que dicía, literalmente: "La ciudad paga 300 mil euros al año por el déficit de la grúa y la ORA". Logo, en letra de corpo máis cativo, o adianto informativo continuaba co subtítulo seguinte: "La concesión, que deberá renovarse en seis meses, provoca frecuentes quejas de usuarios".

Ó ler isto, de contado, como frecuente usuario do servizo dixen para min que tiña que escribir sobre o asunto e velaí que aquí me ten agora enfariñado, aínda que sexa con retraso de varios días.
Acontéceme -e seguro estou de que vostede forma parte, nisto, da miña cofraría- cada vez que atopo un espazo e procuro o monolito expedidor, un ritual  semellante ó que de seguido vou tratar de describir.

Nada máis baixar do coche boto a man ó peto para comprobar se levo moedas suficientes e suficientemente diversas para conseguir a cantidade exacta que me vaia pedir a maquiniña. Logo trato de calcular o tempo que vai demorar a miña estadía e finalmente, ó reparar a escala de prezos segundo o tempo establecido, boto contas un pouco máis exactas sobre qué cantidade de moedas hei de meter co fin de non correr o risco de quedarme curto e ser víctima dunha sanción non desexada ou, pola contra, redondear á alza e meter de máis, dando por perdido todo o que non lle dea uso ó aluguer temporal do espazo público, que no fondo é o que é o servizo da ORA.
É dicir, que cada vez que me convirto en usuario da ORA pásame coma Santa Teresa e vivo sen vivir en min porque sei que ó final sempre sairei "trasquilado ", porque, por prudencia, sempre ingreso máis do tempo que utilizo o servizo.

E como sempre me acontece isto, dado que a información tamén facía referencia ó obsoletos que son os parquímetros e que, por tal razón, son os que centran o maior número de queixas, máis ca unha incitación á protesta vaia dende aquí a miña achega ó saco de ideas que seguramente esstarán atesourando na Praza Maior os que andan a traballar na futura concesión administrativa: Bastante sacrificio é para o usuario do servizo ter que pagar, como para estar pagando de máis cada vez que o utiliza. Por iso sería desexable que a próxima concesionaria poña cobradores de tempo xusto, que seguro que xa están inventados.

Te puede interesar