Opinión

Unha boa herdanza

Xa que o pasado xoves comecei a escribir sobre libros prohibidos, permítame, benquerido lector, comentarlle que algúns fillos de Celanova saben abondo diso. Dun xeito especial o noso poeta de cabeceira, Manuel Curros Enríquez, a quen un longo e coñecido proceso xudicial, malia ter acabado felizmente para el gracias ó seu amigo e case conveciño, o avogado Luciano Puga, acabou marcando profundamente gran parte da súa propia vida.

É ben sabido, porque ten sido contado superficialmente ata a saciedade, compilado documentalmente polo fiscal pontevedrés Benito Montero e publicado no seu momento polo Consello da Cultura Galega, que o traballo poético primordial de Curros acabou secuestrado pouco despois de saír do prelo, debido á denuncia formulada polo bispo daquela época, o inefable Cesáreo Rodrigo, que considerou que tres dos poemas que estaban recollidos nel, concretamente, as composicións tituladas "Mirando ó chau", "A igrexa fría" e "Peregrinos a Roma".

Segundo recolle o auto da denuncia formulada polo responsable episcopal do Ourense de 1880, o libro contiña, ó seu entender, "proposiciones heréticas, blasfemas, escandalosas y algunas que merecen otra censura", polo que, "en virtud de nuestra autoridad ordinaria y de la especial que tenemos delegada de la Santa Sede Apostólica, reprobamos y condenamos el expresado libro y estrictamente prohibimos su lectura y retención a todos nuestros diocesanos, y les mandamos que si tuvieran ejemplares de él, los entreguen en nuestra Secretaría de Cámara, ó á sus respectivos párrocos o confesores para que éstos los pongan a nuestra disposición".

Para resumir direille que esta denuncia do bispo foi recollida polo xuíz de Primeira Instancia de Ourense e acaboulle custando unha condena a Curros “de dos años, cuatro meses y un día de prisión correccional y multa de 250 pesetas", que logo lle sería retirada, sen embargo, pola Audiencia da Coruña, gracias á excelentemente argumentada defensa xurídica, xa mencionada, do devandito Luciano Puga".

Como queda dito, Curros saíu absolto, pero o libro non saíu indemne, porque con total seguridade unha alta porcentaxe da primeira edición acabou quentándolle os pés a máis dun crego.

Isto fixo que a primeira edición se convertera co tempo nunha rareza editorial. Ata tal punto que hai tres anos atopamos un exemplar nunha librería virtual de vello, pola nada desprezable cifra de 1.800 euros.

Descoñezo canto suporía esta cantidade no ano 1880, aínda que para dármonos unha idea direille que o orzamento municipal de Celanova andaba daquela polas 26 mil pesetas. Por iso que eu, de min ó xornalista de moda, gardaría ben a “Fariña” que aínda lle quede e acabaríalle deixando unha boa –e legal- herdanza ós netos.

Te puede interesar