Opinión

Viño verde con gaseosa

Teño para min que o especimen medio do turista español que todos levamos dentro (os galegos facémolo con algo máis de empatía), cando se achega a algún lugar de Portugal, sobre todo se é zona é unha bisbarra máis ou menos de interior e especialmente ruralizada, adoita exercer un aquel de paleta supremacía que acostuma a provocar algunhas situacións certamente cómicas.

A última que testemuñei aconteceu nun recoleto restaurante da cidade da Guarda, unha pequena capital de distrito do centro de Portugal e de pronunciada e pendente orografía, ó pé da coñecida Serra da Estrela, onde parei a "repostar" o pasado sábado cando os pasos me levaban dende Salamanca cara Porto.

Gracias a que tiña o día para min, non me doeron prendas en perder o tempo paseando de vagar polo casco vello -non moi ben tratado, por certo-, situado no curuto do outeiro e comprobar que non debe ser o sector turístico o máis puxante da economía local, malia que sexa esta a capital da Serra da Estrela, o único lugar onde os portugueses poden gozar dos deportes de inverno dentro do seu país.

Ten, iso si, unha impoñente catedral de orixe arquitectónica románica e formas nalgúns casos que semellan unha fortaleza e que, sobre todo, non defrauda cando un se mete nela.

Feito, pois, este pequeno descubrimento e tomada información da "rúa dos restaurantes", ó chou e deixándome levar polo instinto, xa que logo, as cartas exteriores de todos eles eran semellantes, entrei nun cunha porta que case obrigaba a derrearse, pero cunha ambientación interior que convidaba, coma a catedral, a meterse dentro.

Non había moita xente. Dúas ou tres mesas de parellas, dúas persoas maiores por tras da barra e unhas escaleiras que deixaban adiviñar un comedor superior, que foi o que elixín por iso da curiosidade que un sempre debe ter cando se despraza polo mundo.

Subín, atopei unha mesa pequeniña a carón da varanda da escaleira e alí sentei, mentres escoitaba falar francés a un grupo -unha ducia- de homes e mulleres con cazadoras de moteiros.

Agardei o tempo preciso, pedín a carta e niso tres parellas castelás -revelábao o seu acento- entradas xa na idade da xubilación ocuparon outra ó meu carón.

Sentaron, comezaron a falar de banalidades nas que non reparei e cando a mesma moza que me atendera a min lles entregou a carta e lles preguntou que querían para beber, o que levaba, nunca mellor dito, a voz cantante, con sobrada potencia exhortou: "Viño verde!" (coma se dende Castro Laboreiro ata Portimão non se bebese outra cousa). Entón, a moza, silandeira, foi á procura da botella -un "Muralhas" de Monção- e en tanto facía o ademán de turrar da “rolla”, o home da voz potente volveu exclamar con ignorancia autoritaria: "Pero tráiganos también gaseosa!".

Te puede interesar