Hoxe, como cada ano dende o verán de 1630, a vila de Vilanova dos Infantes -e con ela, o resto da súa parroquia, ademais da propia vila de Celanova e outros moitos lugares da miña bisbarra- daralle inicio á celebración das Festas do Cristal, que tódolos anos semella que esmorecen ata que uns cantos días antes por sorte dun milagre abrolla sempre un grupo de entusiastas da vidrosa imaxe e deciden daren un paso á fronte para que a "pedra, pedriña" non perda nunca a súa celebración.
Este ano aconteceu de novo e malia ó cancro da despoboación e do envellecemento que nos carcome, un fato de mozos e mozas farán posible que tal e como daquela decretou don Xan de Barros -o cura da parroquia- ademais dos actos devocionais, o campo da festa que arrodea ó santuario volva revivir aquel escenario que Curros Enríquez recreou en tan fermosa peza literaria recollida da tradición oral da súa nai: "Pola praza e polas rúas/ as mozas cantando pasan,/ i os mozos van detrás delas/ dando atruxos e palmadas/ Imporvisando un turreiro/ á porta de cada casa,/ por todas partes se escoita/ són de pandeiros e gaitas./ De legua e media á redonda/ os mociños da montana/ saúdan aquela festa/ coa lus dos fachós de palla./ As vellas de toda a vila/ sán dos balcós ás barandas/ i os nenos emporranchiños,/ coa cabeciña rapada,/ brincando e choutando enrédense/ entre as pernas dos que bailan./ Esta noite os zapateiros/ non queren collé-la chaira,/ nin as rapaciñas fían,/ nin os fomeiros amasan./ Esta noite en Vilanova/ é noite de fuliada;/ que así o dispuxo o Concello/ i o señor Abade o manda."
Déuseme a min estes día reparar en cuestións de virxes, logo de ter visto hai unhas semanas de xeito ben repetido nos medios de comunicación, a imaxe dunha delas, concretamente a dos Remedios que agora preside a reformada capela situada ó pé da Ponte Vella da capital, onde os vellos tratantes de Ourense facían feira os días 7 e 17 da cada mes.
E déuseme por reparar nelas porque, máis alá da devoción individual que cada quen profese nesa ou noutra advocación -que niso, líbreme deus de meter as mans-, cada vez que a vin a talla de madeira -ou do que sexa- retratada dixen para min: "¡pobriña!, quen lle quixo facer un favor con esa reproducción, mellor que a deixara ó dispor da imaxinación, porque ¡mira que é fea!"
Entón caín na conclusión da sensible diferencia que existe entre a virxe do Cristal e as outras, xa que logo, esta procede dun inexplicable físico de 1630, mentres que as outras non deixan de seren tallas de madeira de carpinteiro con máis ou menos éxito de facturación.