Opinión

Os tempos teñen mudado

Acarón do monumento á vella árbore de Gernika, que tanto significou para os efectos da sinrazón noutrora, penso estas liñas que agora escribo dende Bilbao, cando xa os dous parlamentos de Galicia e do País Vasco acaban de abriren as portas a unha nova xeira democrática para ámbolos dous pobos irmáns.

Fágoo despois de ler que ó final será o ourensán Miguel Santalices o que exerza o papel de árbitro nunha mesa de billar na que se xogará a catro bandas, pero cunha rareza singular dentro do mapa político estatal. É dicir, será o único no o partido gobernante non precisará de ninguén máis para aprobar as leis e os regulamentos que lle pete, simplemente porque conta cunha folgada maioría absoluta que non acontece en ningún outro hemiciclo do mapa autonómico actual.

É certo que iso ofrece, nunha primeira mirada, unha certa tranquilidade que a sociedade agradecerá e que, por máis que nos chamaran de todo na selva das redes sociais, pode facer que Galicia se converta nun exemplo de sentido común que outras comunidades poderían importar. E non, loxicamente, porque a maioría sexa do Partido Popular, senón porque esa maioría debería axudar a ollar os problemas e os retos cunha perspectiva máis pausada ca se os números non lle chegasen a ninguén para conseguilas.

Ora ben, se esta situación vai servir para que o partido maioritario se atrincheire por tras da barreira mental da maioría absoluta e non ofreza diálogo, tanto nos grandes proxectos estratéxicos -demografía, emprego, medio rural, industria, etc., etc.- como nos máis nimios, o Partido Popular estaríase equivocando de medio a medio e fraco favor lle faría á sociedade galega en xeral.

E se a oposición se atrincheira na barricada de todos contra o Partido Popular na que levan mentalmente instalados dende tempo inmemorial, poñendo por diante a derrota dos que teñen enfronte cá resolución dos problemas de futuro ós que se enfronta a nosa sociedade, tamén estaría profundamente errada e aínda menos favor lle faría ó electorado ó que din representar.

De aí que, os 75 que xa quentan escanos no "Parlamentiño" -como lle chaman os que pretenden desmerecelo- deberían comezar a seren maiores de idade e exercer, por riba de todo, o oficio para o que os que lle acabamos de asinar un nada despreciable contrato de catro anos: O oficio de falar e pactar.

Porque xa que os tempos teñen mudado, por pura lóxica e instinto de supervivencia, será mellor que muden para ben ca que o fagan para mal.

Te puede interesar