Opinión

Será nesta lexislatura?

A cabo de ler que o Real Instituto Elcano de Madrid, que é un centro de estudos que analiza e investiga "la política internacional desde una perspectiva española, europea y global, además de servir como foro de diálogo y discusión", afirma que case 7 de cada 10 veciños portugueses estarían de acordo en avanzar cara algunha forma de "unión política ibérica".

Os datos estatísticos reflectidos hai uns días polos medios de comunicación non teñen sido extraídos dun traballo monográfico sobre as relacións de España e Portugal, ou, por ser máis exactos, entre os españois e os portugueses, senón no contexto do que eles denominan o sexto barómetro sobre a imaxe de España no exterior, polo que non afonda no tipo concreto -ou nas distintas opcións posibles- de "unión política" sobre a que habería que traballar e que eu estou seguro de que nalgún momento, máis cedo ca tarde, algunha mente ben pensante e con voz no recentemente constituído Congreso dos Deputados comezará a falar.

Pola contra, indica tamén o devandito documento, que España -ou os españois- non nos interesamos suficientemente por Portugal e case a metade ven con certo recelo que as empresas de aquí teñan acadado tanta presenza acolá, manifestando así un certo temor a acabaren sendo "colonizados".

Pero isto non obsta para que tres cuartas partes dos veciños daquel país consideren que España debe ser o su mellor aliado fronte a Unión Europea, como tampouco incide negativamente en que case 9 de cada 10 consideren que España e Portugal teñen inte- reses comúns en política internacional.

Se de cando en vez perde a vista nalgunhas liñas desta columna ou, cando menos, no seu titular, saberá que non é a primeira vez que escribo sobre isto porque outro centro, relacionado neste caso coa Universidade de Salamanca, xa ten publicados varias análises que responden máis ou menos ás mesmas cuestións da relación sociopolítica entre España e Portugal e teñen arroxado datos moi semellantes. Datos que o empirismo que podemos aplicar os que con certa frecuencia nos achegamos a Portugal, non fan máis ca corroborar o que estes estudos apuntan.

Por qué, entón, os gobernos non teñen avanzado máis neste sentido? Debería ser esta a pregunta conseguinte, por máis que saibamos que si hai unha fluída relación transfronteiriza no entorno máis achegado á raia (Verín e Chaves, poñamos por caso) e outros semellantes dende A Guarda ata Vila Real.

Será esta, por fin, a lexislatura na que, coma tantas outras cousas, os desexos de moitos pasen a seren realidades políticas de consenso e comecemos a explorar novas vías de convivencia con Portugal? 

Hoxe levanteime optimista: Será...

Te puede interesar