Opinión

Erros

Esoutro día, na primeira edición do Telediario, María Casado daba paso aos titulares con esa axilidade que non chega á disparatada velocidade da radio. Nunca entenderei esa descarga radiofónica que me pon nun estado que non é outro que o de prevención. A televisión aínda non chega a eses extremos. Ese día o informativo abriu coa chegada a España dos nosos conciudadáns rescatados do inferno terrorista de Bombay, e as cámaras, a pé de pista, recolleron o intre, os saúdos de benvida do ministro Moratinos e da presidenta de Madrid, Esperanza Aguirre á que Ignasi Guardans, eurodiputado, chama cobarde en Informe Semanal por saír do país indio ao berro de: ¡marica el último! Quede este asunto para o debate político. Se o é. Detrás dese titular viñeron outros, ata este tan chamativo: Garzón é incompetente. ¿Cómo? Se ti les que Garzón é incompetente das un brinco. Había que esperar á entradiña da presentadora, ampliando o titular, para descubrir que se refería a que o xuíz non pode investigar as feitorías do franquismo.


Dende o primeiro momento souben que era un lapsus, ese tipo de erros parvos de quen escribe algo pensando que está claro e sen embargo o que fai é alporizar porque ademais de non explicar o que quere abre unha vía que xera unha información non buscada. Garzón é incompetente.


Aínda que haxa quen non o crea, é o mesmo que hai unhas datas, cando na Sexta daban paso a un pallaso e colouse Mariano Rajoy. Esperei á edición da noite e, en efecto, o erro correxíuse. A Garzón non lle compete, dicía o titular correcto. Non é o mesmo.



Te puede interesar