Opinión

Salarios ao chan

Ohome dende que ten uso de razón intentou buscar solución aos seus problemas económicos. Continuamente desenvolveu conceptos e fórmulas para resolve-la economía do seu entorno. Deu voltas, espremeu o seu pensamento ata desenvolve-la forma de entende-la economía e atopa-la solución que satisfaga as súas propias necesidades.

Un problema que nos invade é a economía somerxida. É difícil cuantifica-la dimensión que pode acadar, aínda que os datos, pouco fidedignos, amosan que supón practicamente a cuarta parte do PIB, é dicir, un cuarto do valor total dos produtos e servizos producidos por toda a economía do país. O que se move na economía somerxida non cumpre cos estándares legais nin coas obrigas administrativas. A carga fiscal no máis amplo sentido, e a intensidade regulatoria das nosas normas, ven determinada polo tamaño desta economía fóra do circuíto legal.

A parte oculta da nosa economía aumentou, reforzada polo pulo da crise durante os últimos anos. Pódese xustificar este aumento como consecuencia do efecto de arrastre que provocou o auxe do ladrillo ou o colapso do sector inmobiliario entre outros, seguido dun vertixinoso e imparable aumento do desemprego. A economía somerxida sempre existiu e existirá. O que máis debe preocuparnos é, que lonxe de manterse estable, vaia en aumento e, resignados, nin sequera nos desenvolvamos a súa erradicación . Esta situación fai que a Facenda Pública soporte un importante volume de fraude. Non debe parecernos estraño a carencia de moralidade, de sentido de culpa, de bastantes cidadáns á hora de cumprir co pago de impostos. Por elo é frecuente ver que o salario dalgún traballador, conste de dous bloques. Por unha banda o salario legal, que será o que se declara. Por outro o diñeiro “B”, o que non consta en ningún sitio. Por isto chama poderosamente a atención que se presenten moitas estatísticas oficiais que non amosan a realidade. Sen ir máis lonxe a publicada hai pouco polo Boletín Económico do Banco de España que contén un breve estudo e calcula que a caída dos salarios é o dobre dos previsto. Ou sexa, que segundo esa consideración, mentres que a estatística oficial nos informa dun descenso salarial dun 1% rexistrado, en realidade os salarios descenderon un 2%.

En realidade non me atrevo a falar de erros. Non resulta sinxelo calcula-la evolución real dos salarios porque, volvendo ao que dicía ao principio, o cidadán convértese nun tramposo que deixa de cumprir coa súa obrigación de pago como resposta á falta de comprensión ante unha suba continuamente dos impostos. Tales subas axudan pouco ao equilibrio e a afroración da economía somerxida co obxectivo de reconducila á súa inclusión na legalidade.

Ao empresario, ao autónomo, ao traballador, a sensación que lle queda, o que se escoita na rúa, é que o que defrauda non é o típico “chapuzas”, senón a empresa voluminosa, a banca, os que teñen o seu diñeiro en non sei onde ou quen mandan fortunas de vacacións aos paraísos fiscais. Esas contas suízas tan famosas dende sempre. Aqueles que non teñen problemas para obteren un ICO, un préstamo ou axudas financeiras, e no caso de ter que pagar fianzas quizais o fan co diñeiro alleo que se apropiaron. Outro dato que me preocupa é o feito de que os nosos universitarios, trala súa formación, sexan contratados e realicen función de niveis inferiores ás que deberían ostentar. O que demostra a difícil posibilidade da súa inserción laboral. Os coñezo, con toda a súa licenciatura traballando incluso de balde con tal te introducírense no mercado laboral. Outros perden a súa beca por baixo rendemento académico ou abandonan pola dificultade económica para facer fronte ao pago da matrícula. Moitos licenciados non atopan traballo ata, polo menos, pasado un ano de acadaren a titulación e iso no mellor dos casos. Se a todo elo engadímoslle o panorama da oferta laboral, nos dá como resultado un futuro aumento na caída dos salarios no futuro, nunha poboación que cada vez será máis lonxeva e na que os índices de natalidade descenden, o índice de fecundidade cada día é menor o que impide garantir unha pirámide de poboación estable.

Só queda optar pola solución axeitada para evita-la caída dos salarios, ¿deberían evolucionar coa produtividade mentres persista o desemprego? ¿Suporía isto a explicación da conxelación o diminución? Ou, pola contra: ¿Deberiamos optar por anima-lo consumo deixando atrás a moderación dos soldos? He aquí a cuestión que o noso goberno deberá resolver.

Te puede interesar