Opinión

A carreira do medio

Collo carreira do medio e intento chegar á fin do camiño. Hai moitos atrancos, pero chouto por enriba deles. Aqueles que me están moi altos, non me queda outra que arrodealos. Arrodeos. Non obstante, a carreira semella que non ten fin. Vexo alá, ó lonxe, as rodeiras dos carros e máis atrancos, pero non consigo ver o remate. Sigo andando, claro. Non me queda outra. Gústame acabar o que empezo. Non é un bo resultado deixar as cousas, os asuntos a medias. Todo ten o seu principio e todo ten a súa fin. Iso din. Aínda que eu, esta fin da carreira, estame xa a amolar. Sigo andando, por suposto. Á beira esquerda vexo o niño dunha azuleira e, axiña, pero á dereita, o dunha ruliña con dous ovos. Desde a carreira xa se ven porque os niños das rulas son pouco máis que catro caxatos, pero moi ben postos. Empezo a cansar. De andar. E de intuír que a fin non está tan preto como pensaba. Quen o diría! Cando empecei a andaina, a carreira semellaba unha desas curtiñas e con moitas reviravoltas, e resulta que xa empeza a cansarme a súa monotonía e a súa infinidade. Por que eu non collería a carreira da esquerda ou da dereita?

Te puede interesar