Opinión

A xeración dispersa

En 1947 un columnista escribiu que existían boas probas de que John Huston era o cerebro do Partido Comunista da Costa Oeste. Semellante aberración non tivo consecuencias, pero Huston abandonou os Estados Unidos a principios dos cincuenta (primeiro para a rodaxe de “A Raíña de África” e despois para a de “Moulin Rouge) e acabou por instalarse en Irlanda.

John Huston, Robert Rossen, Edward Dmytryk, Elia Kazan, Jules Dassin, Joseph Losey, Fred Zinnemann e algúns outros nomes da cinematografía de Hollywood forman parte do que se chamou a “xeración perdida” ou aínda mellor a “xeración dispersa”, pois o maccartismo (ou sexa, a famosa “caza de bruxas cinematográfica”) o que conseguiu foi escindila profundamente e acabar con ela como grupo.

Moitos deses cineastas fixeran películas nas que denunciaban os males da sociedade americana. Algúns refuxiáronse na serie negra, parábola pesimista da realidade social que amosaba un mundo en descomposición. O seu cine fala da traizón e do desencanto, da perda e da paranoia. Todos viron afectada seriamente a súa carreira como cineastas a causa da crise de liberdade e das profundas transformacións que sufriu a industria nesa época, na que os estudios pasaron a mans dos executivos con gravata e deixaron á parte ós vellos profesionais.

Por exemplo, Robert Rossen acosado polo Comité foise para México, pero en 1953 claudicou e chegou a denunciar a 57 compañeiros. A Edward Dmytryk condenárono ó cárcere, e en 1950, non podendo soportalo, escribiu desde a prisión unha carta de arrepentimento, e ó ano seguinte recoñeceu a súa militancia comunista e delatou a 26 nomes. Antes dun mes estaba rehabilitado e xa tiña traballo.

O gran Elia Kazan foi outro dos que claudicaron e acabou denunciando a 15 persoas. Non obstante, outros dos sinalados polo maccartismo si se mantiveron firmes, pero víronse na obriga de buscar traballos mediocres e anónimos nas televisións, cando non partían para o exilio a rodar a Francia e a Inglaterra. Hai que recoñecer que o impacto da “caza de bruxas” foi brutal na cinematografía americana e mesmo na do exilio.

Te puede interesar