Opinión

O amargo sabor da bile

Sóubeno o xoves pola noite, escribo este relato o venres pola tarde e estades a lelo o luns. Pois ben, estou por apostar que ese día (o luns) aínda terei mal corpo, aínda notarei a bile na boca e a angustia na alma. E aínda estou a preguntarme se non houbese sido mellor abandonar a viña cando aconteceu todo aquilo das xuntanzas, peches e manifestacións porque as bodegas non querían recoller a uva do Ribeiro. O xoves souben o que me van pagar por todo un ano de traballo, por todo un ano de loita, de paseos, de angustia incluso (por medo a perder a colleita por culpa dalgunha praga ou treboada) e de gastos e máis gastos. Prometo que ó momento pensei na conselleira de Medio Rural, no presidente da Xunta, no Consello Regulador e nas propias bodegas, e estou por apostar que sabedes cómo serían de “cariñosos” os meus pensamentos. Como se adoita dicir… nin para pipas. E penso no traballo que leva o meu sogro (que é quen realmente mantén en pé a finca) e cabréome aínda máis. Máis quilos co ano anterior, pero nin tan sequera a metade do que me pagaron ese ano. Máis gastos, menos ganancias. Así de simple. A estas alturas, claro, tampouco a vou deixar, porque gran parte do traballo xa está feito. Pero tamén é certo que prometo que como para o ano que vén “o desastre” vaia a máis, non me pillan nun terceiro espolio (ata o sogro recoñece que hai que deixala). Agora tan só queda tragar esta bile e apandar como apanda sempre o labrego galego.

Te puede interesar