Opinión

Os antiheroes de Huston

John Huston escribiu o seu primeiro guión en 1931 para un filme de William Wyler e sete anos máis tarde empezou a traballar como guionista fixo da Warner. E como acadou éxito polos seus traballos para Raoul Walsh (“O último refuxio”, 1941), e Howard Hawks (“O sarxento York”, 1941), consegue a confianza do estudio para dirixir a súa primeira película: “O falcón maltés” (1941), filme que se convertería en mítico co paso do tempo e que abre unha filmografía composta de case 40 películas, catro documentais e un episodio dun filme colectivo. A isto hai que engadirlle o seu traballo como actor en máis de 25 películas que non dirixiu el. Por certo, nas que dirixiu, en case todas, o guión é seu ou participou nel.

O cine de Huston está cheo de aventureiros e marxinados individualistas, de perdedores errantes e solitarios que fixeron da vida a súa propia fin; desenraizados que exemplifican unha certa forma de rebeldía, homes de acción que están de volta de case todo, que perseguen as súas obsesións e que son vítimas delas. Antiheroes cargados de receo que xamais alcanzarán a meta proposta, ben sexa a estatuíña de “O falcón maltés”, o ouro de “O tesouro de Sierra Madre” (1948), a balea branca de “Moby Dick” (1956), o botín roubado de “A xungla de asfalto” (1950), a misiva do título en “A carta do Kremlin” (1970), a Lily Langtry soñada por Roy Bean en “O xuíz da forca” (1972), o mar en “Paseo polo amor e a morte” (1969), as riquezas e os tesouros en “O home que puido reinar” (1975), e así un longo etcétera.

Ante todo iso etiquetárono con certa incuria como “o cineasta do fracaso”. Pero John Huston cóntanos en cada unha das súas películas o itinerario físico e moral que conduce ós seus personaxes ata a lucidez. A derrota material dos seus protagonistas sempre leva aparellado o seu triunfo moral. Películas de homes, filmes protagonizados por aventureiros, os relatos de Huston non son, en modo algún, misóxinos. As mulleres hustonianas expresan con frecuencia unha forte e lúcida crítica dos personaxes masculinos. Son imborrables os retratos de Lauren Bacall e Claire Trevor en “Cayo Largo” (1948), o fermoso espertar ó amor de Katharine Hepburn en “A Raíña de África” (1952) ou a presencia de Deborah Kerr en “A noite da iguana” (1964).

Te puede interesar