Opinión

Comedia exemplar

Coñecendo a Julia”, adaptación ó cine da novela “Teatro”, de W. Somerset Maugham, realizada por István Szabó e protagonizada por Annette Bening e Jeremy Irons é unha comedia exemplar na que o talento e a intelixencia de cantos interviñeron nela conseguiron un filme que reafirma a fe na capacidade do ser humano para narrar con sensibilidade e beleza unha historia que permite coñecer mellor os seus sentimentos máis constantes. Dito así pode parecer excesivo pero o propio Somerset Maugham expresouno antes e mellor: “En ocasións o exceso é estimulante. Evita que coa moderación se adquira o mortal efecto dun hábito”.

A acción transcorre no Londres de 1938, e máis concretamente no elegante círculo social dun matrimonio brillante e triunfador no mundo do teatro. Annette Bening é a gran diva da escena. Ten case 50 anos, un marido (Jeremy Irons) empresario teatral de éxito, un fillo que está a piques de superar a adolescencia e unha deprimente sensación de que a súa vida se afasta da emoción, da novidade, de todo aquilo que descargaba a súa adrenalina. A aparición dun mozo arribista norteamericano, quen se declara o seu maior admirador, cambia radicalmente o ton e as perspectivas da súa existencia.

A Inglaterra de entreguerras, o mundo do teatro e un bo vivir tan perspicaz e sabio como Somerset Maugham, son uns excelentes ingredientes para acadar a mestura ansiada. Se a elo se engaden uns actores impecables, entre os que sobresae unha Bening que xa nos abraiara en “Os estafadores” e en “American Beauty” e que nesta ocasión acada un papel co que demostrarnos a todos o inxusto dunha industria cinematográfica que prima a xuventude sobre a sedución e a clase; un realizador sensible como István Szabó (e aí están entre outras, os seus “Mephisto” e “Sunshine”); un guionista do talento de Ronald Harwood que lle permite adaptar ó cine a novela sen disipar a sofisticación, a ironía e as dotes de percepción do seu autor, e todo elo coa impresionante fotografía dun mestre como Lajos Koltai. Resumindo: comedia que devolve ó cine a súa emocionante e fermosa definición de “fábrica de soños”.

Te puede interesar