Opinión

Condenado sapoconcho!

Quixen analizar o percorrido do sapoconcho que vira saír dunha caldeira do Río Vello e perdinme. Perdinlle a pista, quero dicir. O moi condenado debía correr coma un lóstrego. Non me quedou outro remedio que pensar na lebre, claro. Coma quen que eu era a lebre. E o único que sentía era que eu me convertera nun pasmón, deixándome vencer por unha pobre e lenta tartaruga.

Seguina polos carreiros de Barricobos e O Guichón. Cando cheguei á Tapada Nova dei volta e crucei para o Río de Vide e a Ponte das Cabras. Nada de nada. Perdera ó sapoconcho nun amén, nun chiscar de ollos. Tan só me quedaba mirar na Porfía e na Pitediña. Perdido por completo e coa angustia no peito. Sentei nunha parede dos Poulos e díxenme que ó mellor era el quen me atopaba.

Deixei que a música de Pink Floyd me amenizase, me recrease a tarde. Non tardei en caer durmido. Soñei coa tartaruga, que corría detrás de min, coa boca aberta e coa intención de morderme os calcañares. Sei que o sapoconcho non ten dentes, pero no soño eran afiados coma os dun can.

Espertei coa ansiedade zumbándome no peito e tamén sentín algo que se pousaba sobre a miña gorxa. Eran as patas dianteiras do sapoconcho ó que andaba a buscar. Miroume coa boca medio aberta e noteille algo así coma un certo brillo nos seus ollos. Seguro que estaba a rirse de min. Quixen darlle unha labazada, un sopramocos, pero... era tan bonito! Deixei que co seu fociño acariñase os meus beizos. Condenado sapoconcho! Malpocada tartaruga!

Te puede interesar