Opinión

Cunetas cheas de vencidos

Tremen os brazos e o tempo non pasa. O traballo acompaña coma se fora unha sombra invernal. Pero aínda que o cansazo invada o camiño que vai dunha cepa a outra, hai que tirar para adiante. Quen dixo medo. Loitemos con A Quenlla pola verdade, pola noite máis longa de “Silencios na memoria”. Treme un corazón que latexa para honra duns vencidos e polo silencio duns mortos. Con delicadeza hai que calmar os momentos de ruído por entre as tumbas dun cemiterio. Que cada quen rece cara as tapias dos fusilamentos. Treme unha ansiedade que vai e vén na procura duns versos que alguén escribiu acochado entre uns penedos de silencio. Queda o jazz de Miles Davis aniñando na ladaíña dun sentimento. Pero sempre hai alguén que treme por entre a escuridade dunhas rúas vixiadas polos que venceron nun tempo de medo, de moito medo. Treme o silencio nesta noite escura, na que os recordos furgan por entre as cunetas ensanguentadas e polos camiños incertos dunha etapa intensa, maldita e chea de pensamentos calados. De olladas perdidas. De sorrisos amargos. De acochos infames. Treme o propio medo. Só non tremen as cunetas que quedaron cheas de vencidos... e en silencio.

Te puede interesar