Opinión

Defensor das curtas

De cando en vez é unha auténtica gozada falar do, chamémoslle, cine pequeno. Cine pequeno por partida dobre, é dicir, de curtametraxes e de proxeccións en lugares fóra do típico circuíto, ou sexa, das salas comerciais. Resulta que xusto a véspera de iniciarse o Festival de Cine de Ourense, no salón de actos da casa de cultura da Valenzá, levouse a cabo o I Festival de Curtas de Cine de Barbadás durante dúas tardes e no que se proxectaron 18 cintas, nove en cada tarde. Tan só puiden ver as nove do segundo día. Pero suficientes para que as miñas ansias cinéfilas se visen recompensadas. Sempre fun un defensor das curtas, por aquilo de que aínda que non che guste algunha, ó ser curtas, axiña pasa a desilusión.

Pequena paréntese para dicir que, por lei, debería ser obrigatorio proxectar curtametraxes antes de calquera película comercial. Lémbrese que todo director que se gabe tivo que empezar á forza coas curtas. Ninguén nace sabido e esa é unha forma moi boa de aprender)

“O paraugas de cores”, de oito minutos. Que fai unha muller cando descobre que o seu home a engana? A que club pertencerá? “Spanish Ball Z”, parábola divertida do paro na madurez... dous homes de 40 anos intercambiando cromos de Dragon Ball. “Rapazas day” quizais fose a máis frouxa das curtas que vin. “Eideann”, un pastor das terras altas escocesas e unha das ovellas do seu rabaño convértense nos pioneiros do golf. Preciosa música a desta curta animada. “Meeting with Sarah Jessica” é outra das boas que se proxectaron. Curtametraxe de cor rosa, pero con fondo negro. “España is different”, dous rapaces cruzan os seus camiños e as súas vidas. “Helsinki”, viaxe amable desde a comedia ata o drama e que se apoia nunha parella de actrices ben compenetradas que lle dan materialidade a un guión sensible moi ben dialogado. “A Londres”, só catro minutos, pero que catro minutos da actriz Selica Torcal! A veteranía vale un grao, neste caso moito máis que un grao.

Te puede interesar