Opinión

Empatía cos poderosos

Entendo que o éxito, a fama, o poder estean un chanzo por enriba dos demais (pobres) mortais, pero hai ocasións nas que os medios de comunicación non teñen conciencia. Unha vez máis, tan só amosan empatía cos famosos, cos poderosos. Enchen páxinas coas novas e mesmo artigos de opinión, que xa é dicir.

Kate Middleton, esa que debe ser princesa de Gales ou que polo menos pertence á familia real británica, ten cáncer. A familia real británica non é moco de pavo e o cáncer é un asunto moi serio.

Tan serio que case se pode dicir que, a quen máis e a quen menos, nos arrodea ou temos incluso dentro. Pero como somos (pobres) mortais, que máis dá; é unha enfermidade que está xa á orde do día. E moitos si a saben levar; sen pregoalo e sen compadecerse. Ou sen chamar a atención.

Os famosos teñen que insinualo ou mesmo anuncialo para amosar que, a maiores de ser o que son, saben tirar para adiante, saben enfrontarse ás adversidades estando aí, ó pé do canón, ou sexa, das cámaras e das plumas que deixarán escrito para a posteridade toda unha loita heroica e feliz de cara á galería.

Os (pobres) mortais con cáncer, e sen saír en ningún medio, tamén tiran para adiante: varrendo e fregando as casas, cargando coas bolsas da compra, sementando e cavando as patacas, cargando tractores de esterco ou vendimando. Case seguro que ó seguinte día da sesión de quimioterapia.

Os medios de comunicación entréganse a aqueles que teñen todo feito e os tratamentos médicos practicamente na casa. Unha desgraza para a Casa Real, ou para a industria cinematográfica, ou para a historia da música, ou para o mundo futbolístico. A empatía cos poderosos... a darlle cun sacho, a esgalla.

Te puede interesar