Opinión

Por encima da media

Semella que non hai termo medio coas intrigas psicolóxicas procedentes de Hollywood. Ou marean ó persoal con mil xiros de guión que provocan un insospeitado final (máis por incrible que por chocante), ou se lles ve o plumeiro desde a metade, e a suposta sorpresa do desenlace non chega a converterse sequera en sorpresiña. “A desaparición de Embry” (2002), debut como director de Stephen Gaghan, pertence á segunda clase.

Emporiso, con independencia da previsible conclusión, a película está por encima da media soportada nos últimos tempos (véxase “Gothika” ou “O efecto bolboreta”), tanto na madurez da súa proposta como, sobre todo, no empaque dos seus diálogos. Nótase que Stephen Gaghan, guionista ganador do Oscar por “Traffic”, non é un don ninguén á hora de formar frases con certa intelixencia sen que estas soen pedantes ou pouco cribles.

O Embry do título é un “sabidillo” universitario (maxistral estudante, con gran talento para a música, e guapo coma un efebo) que, ó tempo, exerce de vaidoso, maleducado, irritante, pretensioso e cruel ser humano. Consecuencia: é posible que, farto de tanta vulgaridade ó seu arredor, decidira poñer terra de por medio e largarse a un xubiloso encontro consigo mesmo e a súa sapiencia en algún lugar apartado da odiada sociedade capitalista; ou é probable que un ou varios dos seus concidadáns lle deran “o pasaporte” por insoportable. A investigación, centrada na noiva do desaparecido, é narrada por Gaghan a través dunha serie de recordos (da vida da parella) que enlazan ben co drama persoal do policía que a leva a cabo, un ex adicto a múltiples substancias psicotrópicas que le a Albert Camus.

Como os demais personaxes secundarios (un par de amigos estudantes) tampouco son ningúns parvos, os diálogos manteñen un nivel intelectual afastado da habitual necidade. O que provoca que, en definitiva, esta película, “A desaparición de Embry”, funcione bastante mellor como retrato de personaxes que como intriga de entretemento, algo que uns poden ver como unha virtude e outros como un defecto.

Te puede interesar