Opinión

Exercer a liberdade

Dicía Clara Campoamor que a liberdade apréndese exercéndoa. Seguro que si. Pero no noso país, en moitos aspectos,  a algúns aínda nos entra a risa ante esa definición. A ver se pensades que porque vivamos en democracia xa somos libres. Como digo, en moitas cuestións aínda nos pechan as bocas e ata poida que incluso os sentimentos, que xa é dicir. Mira por onde se me dá hoxe, pola liberdade. Cando son un paxaro engaiolado entre catro parágrafos mal escritos. Ou un reo na cela de castigo por dicir cousas que non se poden dicir.

En moitos lugares do noso país aínda non se poden dicir cousas. Ou sexa, palabras. Hai palabras que mancan. Hai palabras que matan. Hai palabras que, principalmente, doen, doen moito. Hai palabras que te funden. Por dicilas e tamén porque chas din. A palabra é fodida. Sempre o foi. E dona Clara Campoamor creo que o sabía ben. A liberdade apréndese exercéndoa. Si. Pero o peor é cando non cha deixan desempeñar ou cultivar. Ese é o gran problema de hoxe en día. E de sempre. Pois mira que estás negativo ti hoxe. Negativo, negativo... non será tanto. Pero ó mellor si é aceptable dicir que estou realista, que son realista. A liberdade debería ser a cúspide, o cumio, o cénit dunha persoa... cando lla deixan exercer. Viva a liberdade!

Te puede interesar