Opinión

Factores en contra

Asemana pasada iniciei un percorrido pola vida e obra do director cinematográfico Allan Dwan, un dos grandes esquecidos de toda a historia cinematográfica. Creo que nunca mereceu tanto abandono. A ver se por medio destas columniñas intentamos recuperalo á realidade da sétima arte. Remataramos coa súa obra mestra “Robin Hood” que realizara en 1918. Seguimos, logo.

Unha atractiva comedia muda, na tradición do “romance” hollywoodiense, “Manhandled”, que pasaba dos costumbrismo neoiorquino (coa vitalidade que este tiña no cine dos anos vinte), á temática rosa e ó sarcasmo, era outra pequena obra mestra da tradición xenérica do cine silente. Se “Robin Hood” e “Manhandled” son o bastante representativos da produción de Dwan hai que convir que o seu paso ó cine sonoro foi un lance tan prexudicial na súa carreira como o cambio que para o Raoul Walsh vitalista e exultante dos 30/40 supuxo a súa integración nunhas estruturas comerciais que o confinaron nos seus últimos anos en tantos produtos irrelevantes.

A produción de serie B, actores pouco estimulantes, guións desarmantes, etc. Todo semellaban factores en contra no traballo dun cineasta dotado dunha impresionante capacidade narrativa, un sentido do equilibrio que lle permitía bordear a parodia, aínda cando ás veces debía pechar con pezas insignificantes, como “Driftwood”, película con nena e can. Se se exceptúa algún caso illado como “Areas sanguentas”, unha das tentativas da Republic de facer “producións de prestixio”, as condicións materiais de produción eran sempre demasiado limitadoras.

“Areas sanguentas”, onde un sarxento (John Wayne) instrúe a uns novatos, polariza o seu odio, esperta a súa admiración, lévaos ó combate e á vitoria e morre deixándoos en absoluta orfandade, é un fácil branco para críticos de “ideoloxía e papel”. Máis alá diso, a partir dun esquema tópico hai unha amalgama de humor, violencia masoquista e unha exaltación patrioteira, todo elo exposto cunha singular habilidade.

Te puede interesar