Opinión

Huston, un vitalista

John Marcellus Houghston, que non é outro que John Huston, naceu o 5 de agosto de 1906 en Nevada. Fillo do actor Walter Huston e da periodista Rhea Gore, pais de vida errante que influíron abondo na personalidade adulta do seu fillo. Da man do seu proxenitor chegaría ós seus primeiros encontros de boxeo, recibiría o diñeiro para a súa viaxe a México e entraría en contacto co universo de Hollywood.

John Huston foi alumno da Escola Militar de California e campión universitario de boxeo na súa primeira mocidade. Debutou como actor nos escenarios do Off-Broadway á idade de 19 anos e pouco despois trasladouse a México, onde descubriu de todo; desde os touros ata as pelexas de galos e pasando polo mezcal, o tequila, as apostas, o seu interese pola arte precolombiana e a paixón polos cabalos.

Huston foi tenente da Cabalaría mexicana, actor, periodista, dramaturgo, pintor ocasional, cantante polas rúas de Londres, pescador por amizade (con Hemingway), cazador por afección, novelista por necesidade e amigo dos animais por instinto de liberdade. Tamén son coñecidas as súas afeccións pola bebida, as mulleres, a caza do tigre e as carreiras de cabalos.

Estivo casado cinco veces e separado outras tantas. El mesmo confesou que vivira “cunha colexiala, unha dama, unha bailarina, unha actriz e un crocodilo”. Non obstante, a vida sentimental de Huston quedaría incompleta se non se menciona a admiración que sempre tivo por Ava Gardner, á que lle dedicou unha fermosa homenaxe en “O xuíz da forca” (1972). Porén, nunca traspasou a sincera amizade que sempre mantiveron.

A personalidade de John Huston engaiolou a figuras como Marilyn Monroe, Truman Capote, Orson Welles e François Truffaut, entre outros. Rodou películas por boa parte do mundo e mobilizou ós sectores máis conscientes de Hollywood contra a histeria fascista de McCarthy durante a famosa “caza de bruxas”. Tamén foi un dos grandes da chamada “xeración perdida”, á que pertenceron Nicholas Ray, Joseph Losey, Robert Rossen, Richard Brooks e Abraham Polonsky, só citando a directores.

E xa para o venres que vén empezarei co seu auténtico traballo na industria cinematográfica, que se iniciou en 1931 co seu primeiro guión.

Te puede interesar