Opinión

O intimismo de Mikhalkov

Ata agora era fácil caracterizar o cine de Nikita Mikhalkov mediante aspectos como o lirismo, o intimismo, a atención polos sentimentos, etcétera, ata o punto de que case podía considerarse como un cineasta “de cámara”, moi afastado da tradición épica do cine soviético ou do idealismo transcendente desa cinematografía que foron resucitando nas últimas décadas. Dalgunha forma, a propia “Ollos negros” (1987) era un bo exemplo daquelas características, onde o relato chejoviano daba ás a unha versión, por outra parte moito menos intensa e estimulante que a espléndida versión de Josif Jaifetz, “A dama do canciño” (1960), tan esquecida agora. Deixando aparte a aparatosidade das localizacións italianas e rusas de “Ollos negros”, o intimismo de Mikhalkov asociábase ós problemas de pequenos núcleos en ámbitos moi pechados e decididamente urbanos.

De aquí que, en principio, a proposta de “Urga” (1991) poida resultar cando menos sorprendente, tanto desde o punto de vista argumental como estilístico; e tamén de que poida provocar algúns equívocos desde apreciacións superficiais. O filme de Mikhalkov refírenos algunhas vicisitudes da vida dunha reducida familia mongol (matrimonio, avoa e dous nenos) habitante das chairas do norte de China e que entra en casual coñecemento cun camioneiro ruso que traballa na realización dunha estrada.

A priori, eses elementos parecerían decantarnos cara ó consabido cántico da vida primitiva fronte á chegada dos novos tempos, a un poema sobre a integración do home nunha paisaxe do que forma parte intrínseca ou á revisión etnolóxica dunhas formas de vida en transo de desaparición e cuxo valor parecería depender sempre da súa mesma existencia, máis alá de calquera xuízo desprexuizado sobre elas. En suma, parecería que “Urga” ía ser unha nova revisión dese cansado, aburrido retorno cara ós mitos do “bo salvaxe” e do eloxio do campo e deosto da cidade, pero é algo máis que iso; “Urga” é un filme que ten un certo valor cinematográfico grazas á pericia do director e dos propios intérpretes.

Te puede interesar