O mar é azul e as baleas son brancas. Por que o verme se arrastra por entre os cascallos da memoria? Sempre se pensa que o tempo flota entre un suspiro e un ouleo, pero a realidade deixa catro liñas escritas nas que a nostalxia cabalga a pelo pola vida. Os xogadores corren e eu quedo sentado nunha cadeira de madeira e de cor negra. Como son capaz de deixar que o ruxerruxe se apodere do silencio! Que ruxerruxe? O das tardes nas que nunca se puña o sol, aínda que este xa acochara polo outeiro de Brandín. O das noites nas que unha cinta videográfica te mandaba a unha chaira de indios e vaqueiros, ou de bos e malos, ou de gandeiros e ovelleiros. O ceo está negro e os gatos, de noite, son pardos. Entre as estrelas un astronauta baila unha polka ó ritmo dun choque de cometas. O silencio da galaxia mestúrase co ruído dunhas ideas que só fan ruído. Cando as baleas berran cancións sen retrouso, o mar queda en calma.