Opinión

Marabillosa austeridade

No verán de 1916, Charles Chaplin asinou o contrato máis lucrativo de toda a historia do cine ata ese momento. Foi coa Mutual Company, e reportoulle 10.000 dólares semanais, unha gratificación de 150.000 dólares e o pleno control creativo sobre as súas películas. Para a compañía foron uns cartos ben empregados. Segundo o contrato, Chaplin tiña que rodar 12 películas de dúas bobinas, e esas 12 que rodou para a Mutual son consideradas para moitos como as súas mellores obras. Hai obras mestras como “Charlot prestamista” (1916), “Charlot na rúa da paz” (1917) e “O inmigrante” (1917).

Esta última case aseguro que é a mellor de todas, e a que demostrou de maneira concluínte que o talento de Chaplin como director non tiña nada que envexar á súa capacidade como mimo. Desde o primeiro plano ata o último, a labor de Chaplin como realizador é un acerto total.

As secuencias rítmicas e rápidas altérnanse coas máis tranquilas e relaxadas. Os primeiros planos son sempre eficaces. Os gags encaixan perfectamente na narrativa. Chaplin evita tamén o exceso de sentimentalismo, e os comentarios sociais resultan eficaces por estar ben controlados.

A narrativa da película é dunha marabillosa austeridade. Hai só catro decorados: a cuberta do barco, o comedor do mesmo, un exterior da rúa e o restaurante. Hai poucos actores, pero Chaplin logra crear a impresión dun barco cheo de inmigrantes. En realidade, as “masas” da películas fórmana tan só uns 16 intérpretes, pero ben utilizados, coma o caso dun actor que interpreta ó artista do restaurante e, disfrazado cun gorro e un mandil, á señora gorda do barco.

A mímica do propio Charles Chaplin é do máis efectiva. O balanceo da nave dota dunha nova dimensión á súa característica forma de andar. A partida de póker dá lugar a un gag marabilloso, aquel no que Charlot lle quita a pistola ó tafur, agáchase para recoller o seu sombreiro, pero sen deixar de apuntarlle... coa pistola entre as pernas. Ó final da película, a escena na que teme enfrontarse ó monstro camareiro-xefe do restaurante, constitúe unha combinación perfecta dos sentimentos de rebeldía, desafío e desesperación. Lembrar que a esta película tamén a titularon “O emigrante” e “Charlot emigrante”.

Te puede interesar