Opinión

No monte Medo de Baños de Molgas

E se morro hoxe, quen me enterra? Seica un funeral pode superar os 3.000 euros, que non é moco de pavo. Claro que eu xa lles advertín ós meus: a min votádeme no monte Medo de Baños de Molgas para aproveitamento dos lobos. Ou doutros depredadores, dáme igual. O caso é que alguén aproveite os meus ósos, que é o único que teño, pero algo é algo. Non creo que estes os teña envelenados. Poida que o sangue si, pero os ósos non creo. Tamén lles indiquei o sitio en concreto: en Sudalomba, e xusto no outeiro onde, unha vez, de rapaz, me tiven que enfrontar a un lobo que xa me pillara polo rabo á única ovella que tiña. Ben que me ensinou os dentes, pero eu tívenlle máis medo ás olladas da miña nai (e outras cousas) que ós dentes do animal. Así é que non deixei que a levase. E se aquela vez o lobo non acadou o premio, pois agora, polo menos, que se desquite. Máis de 3.000 euros! Pero a onde chegamos! Eu de morto non vou sentir nada. E con todo o que o Medo, Sudalomba, significou e significa para min. Dígoo moi en serio: é o mellor lugar onde poden ir parar os meus ósos. E de forma gratuíta.

Te puede interesar