Opinión

Non adiviñaron a retranca

Morriña e saudade ou señardade son palabras galegas sobre as que non descubro nada, nin polo seu uso nin polo seu significado. E neste lote, nesta partilla tamén podemos meter a retranca, con permiso do nabo de Lugo e do sempiterno e internacional carallo, o patrón de Galicia. Tanta retranca, tanta retranca para nada. Semella que os galegos estamos entre os españois con menos alegría e peor animo. Manda truco! Quen o ía dicir! Penso que na sondaxe, os enquisadores confundiron o touciño coa velocidade, o bacallau coas verzas. Non sei, pero creo que na análise botarían man desa morriña e desa saudade para chegar á conclusión de tristeiros, apagados. Non foron capaces de adiviñar a retranca neses mesmos substantivos. Simulamos que temos morriña e saudade para que... a eles que lles importa! Xa o teño dito con respecto ás famosas subidas e baixadas (o galego non sabe se sobe ou baixa) Sabemos, sabemos!; o que pasa é que non llo dicimos ós curiosos. Que lles importa a nosa vida! Somos alegres e temos bo ánimo, pero non llo dicimos. Sabinillos do carallo!

Te puede interesar