Opinión

O que non mata, engorda

Cae o mosquito no prato do caldo. Honorato Sondaxe Sonda afúndeo no líquido abrasante. O que non mata, engorda. E segue mirando a película “Blade Runner” sen pestanexar. O caldo fumega. Honorato súa. Non sabemos se pola fervura da sustancia ou se pola angustia claustrofóbica da película. A muller quere dicirlle algo, mais ó velo tan concentrado (mascando no caldo e contemplando o filme de Ridley Scott), non se atreve. Honorato Sondaxe Sonda ten arranques violentos. A súa dona sábeo. Pero tamén sabe como domalo. Niso, ata o home recoñece, á fin, que quen leva os pantalóns postos na casa é ela. Por moito que el lle berre ou por moito que se alporice. Polas verzas do caldo asoma outro mosquito máis. Morto, escaldado. E comido, como non. Por Honorato Sondaxe Sonda que volveu afundilo para nono ver. Ollos que non ven, corazón que non sente. Honorato sorrí ante os seus propios pensamentos. Que lle roldará pola cabeza, pensa a súa muller. Porén, non di nada e deixa que o seu marido siga ó seu, ou sexa, a comer sen sentir e a ver a Rutger Hauer.

Te puede interesar